Esta noticia está incluída na sección de gourmet aínda que ben sei que é algo ousado. Porque despois daquela italiana que facía toda a súa comida no lavavaixelas para aproveitar o vapor (ou algo así, pero hai libro que o explica) chega a sueca que usa como robot de cociña multifunción a súa cafeteira. Claro que para este experimento non vale a cafeteira italiana que todos temos na nosa cociña (esa cafeteira que tiña a túa avoa e que agora entendes que é moito mellor que calquera outra) senón unha desas americanas con filtro.
Neste caso foi a necesidade a que fixo a virtude. Katja Wulff era unha estudante sueca que en 2009 vivía nunha residencia de estudantes na que non tiña cociña propia. Tiña, iso si, unha cafeteira desas americanas que acababa de herdar da súa avoa, así que decidiu arriscarse e preparar un prato típico de estudantes (pasta) usando o único que tiña (cafeteira). A típica guarrada que seguro que algunha outra persoa intentou algunha vez, pero que a Wulff saiulle moi ben. Empezou a experimentar aínda máis coa cafeteira e a probar máis a máis receitas. Dende entón fixo sopas (que parece un prato posible cunha cafeteira) pero tamén bruschetas de polo, cakepops (en serio!), sushi, tortitas ou roliños de bacon e cigalas.
E por suposto, ante unha cousa así, abriu un blog, primeiro en sueco e logo tamén en inglés, no que conta as súas experiencias como cociñeira con tan inesperado artiluxio. Se falades sueco poderedes tamén ler as súas receitas nun libro de cociña que acaba de lanzar coas súas mellores obras.
Ata que marchou vivir co seu mozo, Wulff alimentouse coas cousas que cociñaba na súa cafeteira así que botou seis meses comendo esta ‘nova’ cociña. Polo menos sabemos que o produto da cociña-cafeteira non mata, aínda que non nos asegura que saiba realmente ben. “O sabor do prato final non é o importante, aínda que intento que sexa bo, por suposto”, explícalle a The Atlantic.
Foto TAKA@P.P.R.S