Catalina Fernández: “Os cogumelos serán fundamentais no coidado da saúde, pero tamén da natureza”

*Colaboración de Lucía L. Bayo

Catalina Fernández é directora da empresa de biotecnoloxía Hifas da Terra, recentemente galardoada na XIV edición do Premio Nacional Joven Empresario pola súa aposta pola I+D+i

Catalina_b

A innovación e o rural danse a man con máis frecuencia do que comunmente se pensa. En Galicia existen iniciativas e emprendedoras/es que demostran que no medio rural é posible desenvolver proxectos innovadores que conxugan potencial humano, identidade e recursos naturais.

Baixo os principios de innovación, calidade e sustentabilidade, a filosofía de Hifas da Terra é apostar pola I+D+i, creando produtos biotecnolóxicos de gran valor engadido elaborados a partir de setas ecolóxicas.

Traballar a innovación dende o medio rural “é unha forma de vivir e de desenvolvemento sostible”, afirma Catalina Fernández, directora desta empresa situada nunha aldea de Pontevedra. O seu modelo empresarial baséase na xeración de produtos que teñen como base os cogomelos e fungos, desde artigos para gourmet, complementos alimenticios, coidado da pel ou kits de cultivos de cogomelos.

-Hifas da Terra é una empresa de biotecnoloxía aplicada á micoloxía que naceu en 1999. Pode explicar como surxiu a idea de montar a empresa?

Meu pai, Francisco Fernández de Ana Magán é micólogo, un dos grandes en Galicia, polo que dende ben pequena aprendín a amar a natureza e os fungos como parte capital dela. Cando rematei a carreira de Bioloxía tiven que facer un plan de empresa innovador. Sen dubidar pensei nos cogumelos, pero en cogumelos con grandes propiedades; cogumelos que tiñan algo especial que ofrecer a nivel nutritivo e mesmo médico. A idea foi un éxito e así foi como comezou a tecerse Hifas da Terra.

Primeiro comezamos co cultivo ecolóxico de cogumelos e coa formación de produtores. Despois, grazas á especialización e á investigación logramos avanzar en liñas novidosas a nivel mundial nas que as propiedades dos nosos cogumelos e o modo de ofrecelas para o seu gozo e beneficio marcou e marca a diferencia.

-As instalacións de Hifas da Terra están situadas na aldea de Bora, en Pontevedra. Que a levou a instalar a empresa neste lugar? É unha aposta polo emprendemento e a innovación/investigación no medio rural?

A Quinta das Cabadas era a finca da familia onde medrei. Aquí se plantaron árbores para significar o meu nacemento e o das miñas irmás; aquí aprendín a investigar e a amar os cogulemos. Aproveitando as estruturas orixinais existentes, logramos crear o noso soño, unha empresa no medio rural coa presencia da natureza en tódolos seus recunchos e novas instalacións, integradas no entorno, para poder satisfacer as nosas demandas actuais.

Nun entorno magnífico e afastado das contaminacións e do ruído logramos medrar e medrar; poñendo en valor os recursos naturais locais. É unha forma de vivir, de querer facer as cousas; de desenvolvemento sostible que demostra que é posible e que, grazas ás tecnoloxías, nos permite estar conectados con todo o mundo cando o precisemos.

Hifas_casa

-Como se distribúen as instalacións de Hifas da Terra? Teñen un laboratorio e un centro de interpretación micolóxica… que outras áreas destacaría?

De xeito máis recente inauguramos unha nave de transformación e envasado de cogumelos onde tamén temos o sequeiro. O máis característico desta nova construción é que está integrada no medio, cuberta por madeira, e con grandes fiestras que permiten ver toda a actividade, dende o sequeiro, que mantén una temperatura inferior aos 40 ºC para conservar todas as propiedades dos cogumelos, ata a sala de envasado, onde se elabora de forma artesanal o noso mel con cogumelos, entre outros produtos.

Tamén chaman a atención o nosos laboratorios. Tanto o de cultivos como o de I+D+i están nas antigas adegas, que renovamos coas máis modernas tecnoloxías pero cunha fachada de pedra, un exterior moi tradicional e 100% galego.

-Como funciona o seu laboratorio e o proceso de produción?

Non é doado explicar todos os procesos pero sen dúbida podo destacar que o punto cero parte da investigación. A partir de aí traballamos cun gran banco propio de cepas a partir do que desenvolvemos os nosos cultivos e que son a base dos nosos produtos, ben sexa en fresco, deshidratado, en po ou mesmo en extracto.

Poderíamos dicir que o propio ciclo biolóxico dos cogumelos marca o noso traballo. En primeiro lugar investigamos como producir cogumelos de gran calidade sobre substratos ecolóxicos. A partir do cultivo, sexa en troncos ou a partir de árbores micorrizados, obtemos o alimento fresco, que despois transformamos en produto gourmet e, tras un proceso de extracción, convertemos na mellor materia prima para elaborar os nosos produtos de biomedicina e dermo cosmética.

Hifas_lab

-Cal dos seus produtos está tendo máis éxito entre o público?

Os cogumelos como nutracéuticos ou alimentos funcionais chaman a atención pola súa efectividade e versatilidade. Os principios activos que os compoñen intégranse nos nosos ciclos metabólicos e axudan a regulalos.

O bo das variedades de cogumelos coas que traballamos é que son completamente seguras, pódense combinar con medicinas convencionais, son reguladores naturais e axudan a optimizar os nosos ciclos celulares. Non teñen un só obxectivo diana, se non que logran regular distintos aspectos da saúde ao mesmo tempo.

-Cal é o perfil dos clientes de Hifas da Terra?

Poderíamos dicir que son persoas interesadas pola natureza, que se preocupan polo entorno, pola súa alimentación e pola súa saúde do xeito máis natural.

-Como comercializan os seus produtos e en que mercados?

Por unha banda traballamos con distribuidores e por outra dirixímonos a puntos de venda especializados, sexa en tendas de medicina natural, establecementos gourmet, farmacias, parafarmacias e mesmo en departamentos de produtos ecolóxicos de grandes almacéns.

A venda online é unha canle que nos permite dispoñer dun amplo escaparate onde vender todo o noso catálogo de produto con cogumelos. Tamén nos permite chegar facilmente a outros países. De feito, chegamos moi recentemente a Reino Unido, onde xa estamos coa tenda online, unha nova oficina e con importante presencia nas redes sociais.

HifasdaTerra_tienda

-Segundo a súa experiencia, que papel xoga a investigación e a innovación nas empresas?

Sen dúbida debería ser o papel fundamental para facer que unha empresa medre de xeito intelixente, non só porque da valor cualitativo ás súas creacións, tamén porque estamos nun momento no que esta evolución tamén imprime un carácter e un modo de facer as cousas.

No noso caso concreto tratamos de innovar cun recurso natural de grandes posibilidades, que terá un papel moi relevante nos vindeiros anos. Os cogumelos serán fundamentais no coidado da saúde, pero tamén da natureza, pois eles son os grandes biorremediadores.

-Cómo ve a biotecnoloxía e a I+D+i en Galicia?

Galicia é rica en vida no monte, e no mar temos un gran potencial. Ademais temos xente moi boa en investigación, polo que se dan todos os ingredientes para que se desenvolva plenamente. Só falta ter a ferramenta do diñeiro para levala a cabo, e esa hai que buscala.

A investigación é a máis complicada nestes días. É a máis arriscada porque non sabes que vai saír como resultado, se vai servir para algo ou non, e polo tanto, o retorno das inversións é moi difícil. Aínda así, para o avance da sociedade é fundamental, xa que os grandes avances débense en boa medida á investigación. Pola súa banda, a innovación supón a aplicación da investigación a novos produtos, polo que resulta moito máis doada.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *