Lanza un sacho nas Olimpíadas do Campo 2014

Aburrido do fútbol, do baloncesto, do tenis? Xa falamos aquí de deportes hipsters como o frisbee ou kickball, pero agora que o rural está de moda, é mellor optar polo lanzamento de sacho ou  o desprazamento de marcos, actividades que non teñen nada que envexar aos deportes “oficiais” posto que contan tamén coas súas propias Olimpíadas. E son mañá!

Hai tres anos naceu a Festa da sementeira do millo en Matamá (Vigo), organizada polo colectivo Malaherba, e xa desde aquela unha parte fundamental da programación son as Olimpíadas do Campo, que inclúen probas como as devanditas desprazamento de marcos e lanzamento de sacho, pero tamén lanzamento de boina, carreira de sacos de millo con padiola, debullar o millo, tiro de corda ou cabaleiros das cuncas (que consiste en transportar unha cunca de viño dun lugar a outro, sentado a cabalo dun compañeiro).

As Olimpíadas do Campo 2014 terán lugar mañá, sábado 26, ás catro da tarde, e unha hora antes comezará o recorrido do facho olímpico polas rúas de Matamá, onde o relevo olímpico irá escoltado por chimpíns. Podes atopar máis información sobre as probas na súa páxina web, así como o email para inscribirse en calquera delas. Tendo en conta que cada ano son máis os que queren participar, eu que ti daríame présa.

Déixovos aquí o vídeo promocional do evento.

E se te sentes pouco atlético, paga a pena pasarse pola Festa da  Sementeira de todos os xeitos: podes gozar do resto de actividades que se ven no cartel.

festa da sementeira 2014

 

Shares

    Etiquetas

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *