Vello luxo na bolsa de Porto

Houbo unha época na que Porto era unha cidade de prósperos comerciantes, de negocios, e que cumpría esa máxima que di que mentres Porto traballa, Coimbra estuda, Lisboa se divirte. A capital do norte de Portugal tiña incluso a súa propia e señorial bolsa. Non se trata de que agora Porto perdese importancia, pero non mundo actual o de ter bolsas de valores en cada cidade xa non é tan operativo. A única bolsa que ten Portugal hoxe en día é a de Lisboa e o edificio da de Porto volve a estar á disposición exclusiva da Cámara de Comercio da cidade, os seus fundadores. As diferentes estancias empréganse (pódense alugar para celebracións), para a vida da Cámara e, por suposto,para visitas turísticas.

Acceder á antiga bolsa de Porto sae por sete euros, que é o prezo da entrada con visita guiada (nunha chea de idiomas). E, aínda que a primeira vista poda parecer cara, paga a pena. Preguntade polos diferentes descontos e opcións de entrada (algunhas persoas poden entrar gratis). A visita comeza pola sala principal da antiga bolsa. Se algunha vez estivestes nunha bolsa de valores en funcionamento, a sala principal (a bolsa como tal) é un espazo cheo de escritorios e repleto de taboleiros electrónicos nos que se pode ver como van as cotizacións. Como agora todo se fai de xeito electrónico, xa non se pode ver a ninguén mercado ao borde da tolemia os títulos da empresa X (si, esquecede todo o que vistes nas películas). A bolsa de Porto hai anos que non está operativa (todo acabou en Lisboa) e a sala é agora un xigantesco e sobrecolledor patio. O teito é unha cúpula de cristal que permite que entre moitísima luz. Os laterais están decorados con frescos nos que se poden atopar a todos os socios comerciais de Portugal na época na que empezou a construírse o edificio, alá no reinado de dona María I polo 1842.

O edificio levou anos construílo e asistiu a todos os cambios históricos protagonizados polo país durante o século XIX ata o principios do XX. Nunha das salas poden verse todos os retratos dos reis portugueses da época (todos cunhas vidas moi cortas) ata o derradeiro, alá polo 1910, cando Portugal se converteu nunha república. Todas as estancias son abrumadoras, dun acabado preciosista e luxoso (aínda que – como descubre a guía – moito do que vemos non é máis que unha mentira ao ollo, con acabados que semellan o que non son en realidade), que culminan, na súa escalada de luxo e excesos, na chamada Sala Arábiga, un salón xigantesco, ao uso orientalista da época, inspirado no mundo árabe. Pan de ouro, inscricións en árabe e todo o luxo que se podía esperar dun salón así reciben ao visitante con certa teatralidade: as portas permanecen pechadas ata que o grupo da visita ten que entrar nel (o que lle dá aínda máis un efecto de posta en escea). Como explican durante a visita guiada, todos estes extravíos de luxo teñen unha explicación: os comerciantes de Porto demostraban así o seu poderío económico.

A visita pode acabar no restaurante da bolsa, un sitio francamente estiloso (pero estilo old-fashioned) que é bastante aceptable en cuestións de prezo tendo en conta o lugar do que falamos e a carta, O Comercial.

Cada día hai un menú do día para o almorzo, que está por riba do prezo habitual do menú do día en Porto pero que non é un luxo tan excesivo como as diferentes salas da bolsa. Pódese permitir. Bebida (auga e viño), dous pratos, café e postre, todo bastante sabroso e cunha presentación moi coidada. O único malo é que o fío musical do lugar mestura bossa nova con… Julio Iglesias.

Fotos | Simon Blackley | Disquecool

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *