Vouvos contar un pequeno trauma de santiaguesa. Cando chegas á universidade e fas amigos (amigos de fóra de Santiago, claro está), ao principio non son especialmente resistentes á idea de achegarse á zona nova. Son inocentes, non teñen aínda prexuízos e están dispostos a probar cousas variadas. Moitos viven neses espantosos pisos de estudantes do Ensanche, así aceptan con felicidade ir a sitios que están preto da casa. Pero un día, un día no que se volven guays, deciden rexeitar por sempre a zona nova (pode que isto pase cando ti estás de Erasmus, co que o cambio é fait accompli cando te das conta). E ti, pequena santiaguesa, non podes dicirlles que a zona nova é estupenda, que para ti de pequena a zona vella era un lugar ao que ías principalmente a mercar o mandilón da escola e que che gustaría unha chea poder quedar algunha vez na praza Roxa, no Bershka, para que non che leve máis de dez minutos chegar andando dende casa. Non podes. Non o comprenderían.
Pasan os anos, seguen convencidos de que a zona nova é a morada de Satanás e de que non se deben achegar máis que para ir á estación de tren e ti non podes defender as bondades do Ensanche porque serías repudiada polas túas amizades. Só a túa nai acepta gustosa acompañarte a merendar á zona nova. A ela non lle importa que máis alá da praza de Galicia (máis alá cara o sur, claro) morra todo o cool de Compostela.
Pero agora iso vai a cambiar: vou a recoñecer que son santiaguesa e que no Ensanche hai cousas boas. Algún día farei un artigo sobre Elsa va de boda e hoxe comezo por analizar os restaurantes cool do Ensanche. Porque existen. La Cantina de A Curtidoría é o último que se uniu á lista. Súmase a Broa e A Curtidoría, os outros restaurantes dos mesmos donos (Broa nunca o probei, pero si A Curtidoría e son bastante fan), e ofrece unha carta variada, cun certo toque fast-good (hai unha chea de hamburguesas con aspecto estupendo) e con diferentes pratos sinxelos pero moi ricos e resultóns. Por exemplo, os fingers de polo. Os fingers son unha desas trapalladas que poden ser unha cousa noxenta (pensade nos conxelados de calquera supermercado) e non entran no sempre esperado dos sitios in. Sen embargo, algúns restaurantes modernos e bonitos están a incorporalos nas súas cartas para gozo dos fans de sempre. Un bo finger de polo cunha boa salsa pode ser unha auténtica delicia. Na carta de La Cantina hai fingers (deliciosos!), patacas con ovo e chourizo (moi boas tamén, cun chourizo en po cun sabor bastante similar ao chourizo da avoa) ou langostinos crocantes. Estes son os pratos probados para a crítica, que demostran que se poden tocar varios paus diferentes.
Ademais de comida (ou café e merenda que o local está aberto todo o día e as tortas do expositor tiñan ben boa pinta) tamén hai cócteles, ese estupendo revival dos últimos anos das bebidas de cores! Non son moi caros. A carta de cócteles é de xeito principal unha carta de xenebras e a súa interpretación pero tamén hai unha representación dos clásicos (dende o sen alcol San Francisco ata o básico e non moi apetecible Bloody Mary) para aqueles que xa fartaron do gin tonic e a súa reinvención.
A decoración do local é tamén moi xeitosa, cunha zona de cadeiras altas na entrada recomendable para a hora de merenda e unha zona posterior máis adecuada para comedor con sillóns acolchados e louza decorando as paredes. Hai un pequeno reservado con cortinóns e papel de parede literario, pero só os grupos de máis de cinco persoas poden facerse con el. Na planta baixa, A Cantina ten unha versión un pouco máis pro da carta, cun menú máis completo que permite saltar ao primeiro e segundo. Como nos explicaba un dos camareiros, acaban de abrila e están axustando esa segunda carta pero se todo está tan rico como na zona principal pode ser unha interesante alternativa.
Os prezos non son moi caros en xeral (e ao almorzo teñen menú do día) e todo estaba bastante rico, así que, amigos santiagueses do Ensanche, esta pode ser a vosa para sacar da zona vella aos vosos amigos modernos e foráneos.
La Cantina de A Curtidoría está en Doutor Teixeiro, 28
Fotos | Facebook A Curtidoría
Me encanta este sitio nuevo, por las tardes es súper tranquilo. Puedes tomarte un trozo de carrot cake y un chocolate caliente rico rico. Tienen un nuevo comedor tanto para una carta sencilla como para el menú del día.