Dulces y Saladas, un destino para o DIY en Compostela

DulcesSaladasSantiagoCompostela2Autodefínense como un laboratorio de soños, pero Dulces y Saladas é algo moito máis tanxible que un soño. A tenda é unha das novas incorporacións á lista de establecementos realmente cool que están aparecendo na zona nova de Santiago de Compostela (porque xa sabedes que o Ensanche tamén existe!*) e que neste caso permite facerse con material para facer moitas das cousas DIY que tanto gustan, aprender a facelas ou encargar agasallos personalizados, como packs e cestas personalizadas.

Levan dous meses abertos, dende mediados de decembro, cando Lucía, a súa fundadora, descubriu que podía adicarse a facer algo que lle gustaba e que facía por encargo, mesas doces. Polo momento está “contenta” con como lles está indo. “Á xente chámalle a atención e entra a preguntar que facemos”, dinos sobre como están descubrindo os santiagueses Dulces y Saladas, “e logo está o boca a boca”.

DulcesSaladasSantiagoCompostelaEntre os últimos talleres que se impartiron en Dulces y Saladas están un de decoración de cupcakes, outro de reciclaxe ou un de carvado de selos, para aprender a facer selos propios. Entre os plans de futuro barallan comezar un club de calceta.  Os talleres non teñen límites de idade nin de ideas. Aínda que polo momento os destinados directamente para nenos non están tendo tanto éxito como os que son para adultos, en Dulces y Saladas seguirán estando abertas aos nenos. Igualmente, os talleres pódense adaptar ás necesidades ou aos gustos de cada quen. Só hai que avisar uns días antes para que estean preparados na tenda. Os programados soen ser os sábados pola mañá e polas tardes.  Os cursos teñen unha duración dunhas tres horas. “Poñemos un cafeciño e unha mesa con doces”, apunta Lucía. 

Aínda que en Galicia non é moi popular, o punto máis forte de Dulces y Saladas é o scrapbooking. Na tenda pódense mercar todos os elementos precisos para facer os albumes. E ademais, se alguén non ten claro que é iso do scrapbooking e quere aprender, só ten que apuntarse a algún dos talleres que organizan sobre ese tema.

Dulces y Saladas está no 3 da Rúa Nova de Abaixo, xusto ao carón de Follas Novas

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará