Ecohostel Andromeda: durmir nun barco ecolóxico en Gante

A tristeza de non conseguir a ninguén en Couchsurfing que a quixese aloxar en Gante (Bélxica) duroulle a esta disquerredactora poucos minutos. Os que tardou en ir a Google, buscar algunha desas páxinas de reserva de hostels, e procurar que aloxamentos ofrecía a pequena cidade. E entón apareceu aí, entre os primeiros resultados (ao buscar de máis barato a máis caro): Ecohostel Andromeda.

E por se a fantástica palabra Ecohostel non fose suficiente, a pequena descrición do albergue daba a segunda peculiaridade do lugar: era un barco nun canal. Pouco máis había que engadir. Reserva feita e monotema durante as semanas seguintes. Si, si, en Amsterdam farei Couchsurfing, pero en Gante vou durmir nun barco! E agora, xa coa experiencia ás miñas costas, só podo dicir cousas boas.

O momento de chegar ao Ecohostel é sorprendente. Tras seguir as instrucións da web (non, non está no centro de Gante), chegas a un lugar algo apartado, cruzas a estrada e ves o canal diante de ti. E un carteliño pequeno sinala que ese barco que tes diante, cheo de plantas e cun gato que mira curioso desde a cuberta, é o lugar no que vas durmir.

Eu sentín unha vaga de emoción encher os meus pulmóns. A miña compañeira de cuarto, unha rapaza galesa, explicábame logo que ela sacou unha foto, subiuna ao Facebook, e pediu aos seus amigos que lle desexasen sorte. Un pouco asustada si que estaba.

Pero todas as reservas, se é que existen, desaparecen en canto baixas as escaleiriñas e entras no barco. Paredes pintadas con cores vivas, mensaxes de contido ecolóxico e sostible en todas partes, unha zona común cun par de sofás, unha pequena cociña e libros, unha zona de book crossing... e a habitación. Eu escollera durmir nun cuarto de seis camas (hai tamén opción de oito camas e cuarto privado con cama grande) e chegaba coas expectativas propias de alguén que sabe que un hostel pode ser algo fantástico pero tamén algo terriblemente cutre. A cousa quedou no primeiro: liteiras con espazo de sobra, sabas limpas, edredóns, e unha fermosa decoración.

Ata aquí poderíamos estar falando dun albergue calquera, seica algo especial por iso de estar nun barco. Pero o realmente marabilloso de Andromeda é saber que estás a durmir nun lugar de baixo impacto medioambiental, facendo que a túa pegada de carbono sexa mínima. En que formas é a barcaza ecolóxica? En todas as posibles: desde a súa creación (os responsables pasaron dous anos restaurando o barco), ata os seus mobles (a madeira das camas, os colchóns, os tecidos ecolóxicos das sabas…), pasando por todo o funcionamento (esas plantas salvaxes que se ven desde fóra na cuberta son un sistema de filtrado de auga, a calefacción utiliza o calor da cociña -filtrado!-…). Ata o almorzo é ecolóxico: moitos tipos de pan, leite bio, café e té, manteiga e marmelada, todo ben vexetariano e de comercio xusto.

O elemento social sae ademais bastante recompensado polo feito de ser un hostal moi pequeno (ten tan só sitio para 18 persoas): almorzar ou simplemente ir a escribir postais na zona común fai inevitable coñecer xente, algo que sempre se agradece ao estar de viaxe (especialmente se, como era o caso, viaxas só).

Calquera viaxe a Bélxica debería incluír unha parada en Gante (esquece a turística e irreal Bruxas, Gante é unha cidade tan eco, cool e vexetariana que conseguiu que os xoves ningún comedor escolar poña carne), e calquera parada en Gante debería contar cunha noite no Ecohostel Andromeda. Eu paguei por unha noite na habitación de seis camas 22 euros, almorzo-bufet incluído. Paga a pena aínda que só sexa por ler todos os consellos para facer da nosa existencia algo máis eco-friendly. O noso favorito é o de aforrar auga: ducharse de dous en dous!

Fotos | Disquecool

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *