Hai pouco merquei unha postal estupenda. Sobre un fondo gris de nubes ameazantes podiamos ler “Búscase experto en observación de nubes desde a fiestra“. Esa lenda, por suposto, transmitiume poéticas imaxes de nenos soñadores coa cabeza sempre nas nubes, de xogos infantís “eu vexo un dinosauro, pois eu un paraugas” ou simplemente do tópico romántico de atopar na natureza todo o belo e todo o sublime.
A cousa quedaría aí, no meramente poético, se non fose porque os expertos en nubes existen. Ou polo menos, algo parecido darase cita esta fin de semana en Sarria, no I Congreso Internacional de Observadores de nubes. Alí, poderemos aprender desde como se forman as nubes (da man do meteorólogo Martín Barreiro), ata como fotografar nubes da mellor maneira posible (explicarao o fotógrafo Elías Cueto), pasando polo papel que as nubes ocuparon na literatura popular (contaránolo o antropólogo Luís Díaz Viana).
A idea é facer un evento multidisciplinar onde os amantes das nubes poidan gozar de moitas visións diferentes ao redor do concepto das nubes. Segundo explica Siña Fernández, directora do Centro de música Fingoi e unha das organizadoras: “Observar as nubes permite un momento para relaxarse, un momento de tranquilidade total… pero é que ademais hai moitos puntos de vista diferentes desde os que abordar as nubes: o meteorolóxico, o astronómico (no congreso tamén se observarán nebulosas na noite), o artístico (con exposicións de fotografías e pinturas), e mesmo o musical”. Porque si, o I Congreso de observadores de nubes contará cun concerto chamado “O latido das nubes e outras melodías”, no que participará, entre outros, o música Germán Díaz (que publicou diversos discos con nomes de nubes). E para os que desexen ver as nubes de cerca, proponse voo cautivo en globo ou parapente.
Este evento non ten parangón no mundo, polo menos, que nós saibamos. De feito, Siña apunta que o congreso está xerando moitísima interese, xa que trátase dunha actividade orixinal onde é posible aprender moitas cousas diferentes dun elemento próximo, moitas veces menosprezado, e que ao mesmo tempo resta misterioso.
O I Congreso de observadores de nubes terá lugar na Granxa-escola de Barreiros, en Sarria (Lugo), que ademais de contar coas instalacións precisas, é tamén unha das primeiras estacións meteorolóxicas usadas (desde 1943) para recoller datos e envialos ao Instituto Meteorolóxico. O Congreso comezará o venres pola noite e rematará o domingo despois de comer. O prezo é de 120 euros (inclúe asistencia ao congreso, aloxamento e pensión completa). A viaxe en parapente págase aparte.
Para os amantes das nubes que non poidades asistir, sabede que o plan, tras o Congreso, é crear a Asociación Española de Observadores de nubes, á imaxe e semellanza da The Cloud Appreciation Society británica, cuxo presidente será o encargado de abrir o congreso vía videoconferencia.
Sen dúbida, un plan perfecto para unha fin de semana diferente, apracible e moi suxerinte. Só queda rogar á Nefele, a deusa grega das nubes, que ese día faga acto de presenza.
Foto | Phil Downs
¿E un atrevemento da miña parte deixar para a súa reflexión a conveniencia de explicar qué se agocha detrás da “cuarta nube”? Estelas deixadas por avións que se manteñen no ceo durante horas ata convertirse en nubes filamentosas que ás veces rematan por pringar de polímeros tendais, antenas, cableados… Estelas que xiran 180 grados, ou ben son intermitentes, outras iridescentes… Todolos organismos públicos téñenme contestado coa mesma carta tipo, aducindo reazóns de presión atmosférica, etc. , cando o certo é que á mesma hora e á mesma altura, unhas estelas son contrails e outras ¿quén sabe que? Noutros países xa recoñeceron a existencia de fumigacións e conseguiron paralas. ¿Ata cando o silencio de quen pode e debe falar máis deste tema alarmante?.
Interesante… yo tambíen colecciono nubes.