E a madeira volveu a ser cool: 6 exemplos

Non sabemos ben por que foi, se polo boom do DIY e a artesanía axudado pola crise, pola eterna busca hipster do novo e diferente, ou simplemente porque a idea é fermosa, pero o caso é que este ano estamos a ver o rexurdir dun material ao que ata hai pouco non prestáramos moita atención: a madeira. Pénsao. Seguro que este verán xa viches a alguén levando unhas fantásticas gafas de sol con montura de madeira. Pero as gafas son tan só o principio dun movemento ao que adiviñamos un futuro próspero. Polo menos ata que chegue ao mainstream e deixe de interesarnos.

1. Gafas de madeira. Esta tendencia é xa indiscutible en todos os círculos hipster, e temos exemplos que se adican a elas desde Portland ata, como non, Galicia (son Woodglass e si, xa vos falaremos deles nalgún momento). Aínda que tamén hai gafas normais, o produto rei son as gafas de sol con montura de madeira. Vantaxes? Produto artesanal cun potencial de personalización moi alta.

Woodglass

2. Manillar de bici. Que a túa fixie ten manillar deses normais, metálico? Non tes nin idea de nada! Agora, para ser hipster de verdade, a túa bici ten que incluír un destes fermosos manillares de madeira. E se te estás a preguntar como frear, non o digas en voz alta. As bicis cool son de freo pedal. Si, igual hai que practicar un pouco nun parque antes de saír á rúa…

3. Bicicleta de madeira. Un paso máis alá son as bicis que están fabricadas case por completo en madeira. Non se pode ser máis vintage: as primeiras bicis, antes de que chegaran as estruturas metálicas e as fibras de carbono, eran de madeira. E ben bonitiñas que son! Ademais, os seus fabricantes aseguran que son máis resistentes, máis cómodas e lixeiras e, sobre todo, máis ecolóxicas, que as bicis “normais”. Como no caso das gafas, en Galicia tamén temos a nosa marca de bicis de madeira: Ciclowood.

4. Reloxos de pulseira. Que tal levar tamén un pouco de madeira nos pulsos? Aquí os que tiveron a idea foronWeWOOD, que teñen unha liña de reloxos feitos 100% con madeira natural, son hipoalérxicos e están totalmente libres de produtos químicos tóxicos. Pero o mellor, amigos, non é nada diso. O mellor é que, para conciencias delicadas, prometen plantar unha árbore por cada reloxo vendido.

5. Casco para bici. Máis accesorios para a bici! Se o de ter unha bici fabricada en madeira por completo, podes quedarte só no casco. Hai opcións de mentira, que tan só imitan madeira, pero hainas tamén de verdade. É o caso dos cascos que fabrica un señor chamado Dan Coyle, adicto ao DIY (di el) e aos deportes ao aire libre, que ademais é biólogo. Son seguros estes cascos? Coyle di que si, que a madeira ademais absorbe un 10-20% máis do impacto que o plástico. A idea, ademais, é combinar exterior de madeira e interior de cortiza. De momento quen queira un destes cascos ten que pedirllo a Coyle, que fabricará un especial por uns 300 dólares.

6. Paxariña. A redacción de Disquecool debate desde hai tempo se as paxariñas son cool ou non. Eu, como defensora de que si (son tan marabillosamente anacrónicas!), engado ademais que o que o que mola de verdade son estas paxariñas de madeira. Deseño vintage e toque rústico!

Bowtie

7. Bolso clutch de madeira. Todo neste deseño de French Connection é tan bonito que parece difícil resistirse a facerse con un. Claro que despois ves que custa 200 dólares e xa empezas a pensalo un pouco mellor…

Fotos | Woodglass, Fast Boy Cycles, Renovo, WeWOOD, BikePortland, Wish, French Connection

Shares

10 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *