O certo é que non nos debería estrañar tanto, as primeiras cámaras da historia eran practicamente todas de este nobre material. Aqueles grandes e pesados caixóns de madeira foron dando paso a máquinas mais lixeiras e construídas en metal. De aí en diante todo vale: aluminio, plástico, aliaxes de magnesio e ata se chegou a rumorear que Nikon andaba experimentando cun modelo de fibra de carbono. Moitos materiais se teñen probado, pero o certo é que, excepto algún que outro experimento, non se volveron a usar árbores mortas para montar cámaras. Ata agora.
En realidade non son de madeira, pero o parecen. Agora que xa sabemos que as cousas de madeira son cool, unha serie de fotógrafos sobrados de habilidades e cámaras antigas deron o paso para forrar as súas antigas amigas de batalla cunha pel de madeira. As formas máis sinxelas das cámaras de antano, lonxe da ergonomía deseñada por ordenador das actuais réflex, facilita o cambio de decorado. Retirando as antigas cubertas de coiro ou plástico que se utilizaban para decorar, ou simplemente engadindo unha capa máis, a madeira volve facer fotos.
Canon F-1 por Patrick Ng
Sobre a base de unha cámara tan histórica como a Canon F-1, a primeira SLR profesional que a marca sacou ao mercado a comezos dos anos 70, Patrick decidiu darlle un toque máis orgánico substituíndo a cuberta de goma por unha de madeira. En realidade trátase de papel pintado, pero o resultado é bastante aparente.
Polaroid SX70 por Siebe Warmoeskerken
Sen dúbida é unha das cámaras máis bonitas do mercado, e unha das máis orixinais. Se aínda por riba se substitúe o coiro marrón do modelo orixinal por unha peza de wenge, o resultado é simplemente maxestuoso. Por se algún de vós quere aventurarse a cubrir de madeiras nobres a SX70, Siebe ofrécenos todo o proceso de creación nun bonito stop motion. Eu, de momento, vou deixar a miña tal como está.
Canon AE-1 por Charlie Bouche
Outra clásica de Canon que pasa polo taller do seu dono. Neste caso, Charlie, emocionado ao ver o traballo de Patrick en PetaPixel, decidiu facer o mesmo coa súa antiga cámara. Retirou o coiro (a súa AE-1 era das antigas, das que aínda non levaban plástico) e utilizando as pezas como plantilla, forrouna con cortiza que atopou na ferretería máis próxima. O certo é que para tratarse dun traballo feito ás presas, o resultado é máis que aceptable, ademais de mellorar a adherencia da cámara.
Fine Pix X100 por Aki-Asahi
Porque non só de clásicos se vive. Para os que queiran seguir sendo vintage pero non queiran andar a voltas cos carretes, unha das mellores (e máis económicas) opcións é a X100 de Fuji. Se non atopas adecuado o acabado negro sempre podes optar por cubrilo con unha capa de madeira de nogueira ou cerdeira. Iso si, vas ter que mellorar o teu xaponés.
Sigma SD1
Non todo son modificacións. Algunhas casas de cámaras tamén se decidiron a ofrecer elas mesmas os seus acabados en madeira. O ano pasado Sigma anunciou que lanzaría unha edición limitada do seu modelo de cabeceira cuberta con Amboyna Burl, unha cara e exclusiva madeira do sur de África. E moi cara debe de ser para que o prezo recomendado fose de 10.000€. O resultado, iso si, é bastante decepcionante tendo en conta o seu prezo.
Champagne Edition por Lomography
A xente de Lomo non quixo perder a festa dos acabados naturais, e forrou catro dos seus modelos máis vendidos -bastante máis económicos que a Sigma- en cortiza natural. Así La Sardina, Diana F, Diana Mini e Fisheye Nº2 teñen agora unha nova versión máis agradable para as nosas mans.
Se quedaches con ganas de ver máis non dubides en visitar a Ilott Vintage para gozar coas súas cámaras.
La verdad que la de madera me sorprendio, por no decir bonita. Es verdad que se ven mas calidas, familiares, como de andar por casa. Hasta hay algunos que le ponen nombre como compañera de viaje, como Carolina.Sin dudarlo han recorrido mas kilometros que cualquiera.