Esquece o Barrio Vermello: o que si debes ver en Amsterdam

Dille a calquera persoa que tes pensado pasar uns días en Amsterdam. En poucos segundos estarás a falar de drogas e putas sen saber moi ben como chegaches a ese tema de conversación. De verdade non hai nada máis en Amsterdam? Vale, si, tamén podes facer o paripé cultureta no Museo de Van Gogh e visitar a casa de Anna Frank. É iso todo? Claro que non. Están as nove rúas e está o Jordaan.

O distrito de De Negen Straatjes (As Nove Rúas) consta de (si) nove rúas que é necesario percorrer a pé. Ir en bici (se es tan valente como para ir en bici por Amsterdam) non permite apreciar todo o que hai que ver, descubrir esas mil tendiñas que farán felices a todos os amantes da moda e, sobre todo, aos amantes das cousas especiais e raras.

De Negen Straatjes - AmsterdamAs Nove Rúas parecen estar especializadas nas tendas super-especializadas. Hai cousas algo máis normais como un establecemento especializado nos queixos ou sombreirerías, pero tamén sorpresas como unha tenda especializada en cepillos de dentes, zapaterías do máis variado (unha con zapatos vexetarianos, outra só con números grandes…), unha tenda de decoración de interior só con cousas dos anos 60, unha tenda de aceite, unha librería na que só hai libros feitos por artistas…

Como non podía ser doutra forma, a zona das nove rúas, situada ao oeste da cidade entre Prinselgracht e Singel, non tardou en converterse nunha das zonas máis trendy de Amsterdam, atraendo a artistas e a hipsters. Resultado? Ademais de todas esas tendas especiais, as de roupa vintage tamén abondan, así como milleiros de sitios nos que comer pratos frescos e deliciosos.

Pero quizais o das Nove Rúas sexa xa algo demasiado coñecido para o teu sensible espírito de moderno. Ao fin e ao cabo, están ao lado da casa de Anna Frank, polo que tamén hai algún que outro turista despistado. Tes razón: o que mola agora en Amsterdam está un pouco máis cara o oeste, o barrio do Jordaan.

É unha tendencia a ter en conta porque está a acontecer en moitas cidades: os antigos barrios obreiros, que moitas veces caeran na máis triste das decadencias, son rescatados por intelectuais, artistas e xente cool en xeral que decide mudarse a eles polos seus baixos prezos. E entón, ese lugar ao que xa case daba medo ir, convértese nun must. É o caso do Jordaan.

De Negen Straatjes - Amsterdam

Pasear polo Jordaan pode provocar sensacións estrañas: o antigo espírito obreiro aínda é palpable, e eses bastos cafés de bebedores e fumadores, os clásicos bruin café de Amsterdam (non son clásicos cafés de Viena, son máis pubs ingleses!) conviven con galerías de arte, oficinas de grandes ventás nas que intúes que están a facer cousas cool (editoriais, revistas, etc) e moito hipster e moderno pola rúa.

Ambas zonas (que en realidade son unha soa, toda a parte oeste de Amsterdam) ben valen un día completo de paseos, compras e paradas de éxtase nos canais. As aglomeracións, a morbosa cola na que viches a Anna Frank, os turistas borrachos da zona centro que buscan Barrio Vermello e coffeeshops desaparecen. É entón cando entendes como a xente de Amsterdam é quen de vivir na cidade.

Fotos | Disquecool

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *