Veña, este ano non imos entrar no debate de Samaín si ou non (porque xa deixei claro o ano pasado que unha festa é unha festa e todas son por tanto máis que reivindicables). Este ano ímonos lanzar directamente a que facer ou que mercar para poder gozar dunha medianoite festiva (e que dea medo, por suposto)
1. Mercar decoración variada para a data. As cousas dos todo a cen ben valen. Hai cabazas, pantasmas, cousas terroríficas… Todo moi low cost e un pouco merdallada, pero pode servir para un Samaín divertido (e que sabe rirse de si mesmo). En Primark hai unhas arañas encantadoras polo punto trash que teñen: son de cores complicadas (como un violeta demasiado forte) e teñen unhas luces coloridas que dan o toque final.
Se queredes cousas máis elaboradas, en Imaginarium teñen pantasmas con corda e en Zara Home un pouco de todo para darlle un toque glam-gótico á casa. Enormes caveiras negras que son en realidade velas, pratos e pocillos coa mesma decoración e candelabros para dar un toque terror-elegante á cea.
2. Unirte a algunha festa municipal. Os distintos concellos de Galicia acaban de decatarse do potencial do Samaín como elemento festivo e todos lanzan actividades para o día. A lista de datas festivas é inmensa: só tedes que poñer Samaín en Google News (e non, Google non vos vai suxerir nada a cambio).
En Silleda están a organizar actividades nas escolas, en Ourense encheron a praza de abastos con cousas dignas da data e van ter mañá unha procesión de cabazas, en Xinzo haberá un taller para aprender a decorar cabazas, na Mariña estiveron a facer talleres estes días, en Oleiros haberá unha procesión da Santa Compaña (unha de mentira, que a de verdade non se pode convocar así como así), en Mondariz van facer un magosto/Samaín, en Santiago haberá actividades nos centros socioculturais, en Ordes haberá circuítos de terror (para nenos) e así unha chea de concellos máis. Aínda que a mellor é a de Lugo: un ano máis unha procesión de ánimas que se iluminarán con cabazas prendidas dará un paseo pola muralla.
3. Ir ao Samaín Rock. Agora vai ser na Zona C e non na praza dos Bombeiros de Santiago, porque o tempo non axudaba a que fose ao aire libre. Prometen música en directo, taller de maquillaxe de defuntos e moita diversión. Comeza polas oito da tarde e buscan versións zombies dos reis do rock.
4. Pasar medo lendo. Oqo recolle varios títulos aproveitando as datas e para distintas idades que poden dar medo e que son, polo tanto, unha lectura ben propia do Samaín. Vale que son para nenos pero… quen dixo que ti non poidas pasar tamén medo? Chámanse Contos para asustar o medo. Monstros que se agochan detrás dos abrigos, unha versión dunha historia de Edgar Allan Poe, un avaro que non quere compartir o que dá a súa figueira así o leven as ánimas en pena…
Se os contos infantís non che convencen (ou non tes un neno preto que che poida servir de escusa), sempre podes botar man dos clásicos. Poe, por exemplo, pode valer de lectura tenebrosa, aínda que non sexa en versión adaptada. Pensa mentres les no efecto que as súas historias tiñan nos inocentes lectores do século XIX, que nunca tal viran e que quedaban asustados ante semellantes historias.
5. Cociñar. Facer pastel de cabaza semella se cadra demasiado yanki, así que por que non facer cupcakes temáticas? As cupcakes – ou madaleniñas de cores – son xa patrimonio universal e tuneadas para Samaín teñen o seu punto. En Pinterest hai unha chea de exemplos, pero cada quen que as faga como vexa. Se non, podedes facer ósos de santo (aínda que haber quen os come…) ou buñuelos, esa cousa marabillosa.
Foto | Sarah_Ackerman (destacado)