Como recuperar o Samaín, en varios pasos

SamaínQue levante a man quen na escola celebrabra o Samaín e que non sexa de Cedeira. Mentres todo o mundo come cousas con forma de pantasma, compra no todo a cen velas con forma de cabaza e síntese un pouco ridículo por acabar caendo nas redes dunha festa que chegou a través da tele e que se quedou porque seguro que El Corte Inglés conspirou para conseguilo, nós podemos sacudir a cabeza tranquilos e dicir que todo vén do noso pasado celta.

Pode que non oíras falar do Samaín ata vai uns anos, aínda que o profesor de Cedeira Rafael López Loureiro (que é a quen debemos este boom disque celta) asegura que a celebración sobreviviu ata non hai moito tempo e que os nosos avós tamén decoraban cabazas e celebraban a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro. Na Wikipedia pódense atopar as reaccións que esta investigación – e o rexurdimento que durante os 90 tivo a festa, sobre todo nas escolas – colleitou. Méndez Ferrín tachou ao Samaín de “costume imposto polo imperialismo norteamericano”.

Se cadra Méndez Ferrín ten razón (nesta redacción que empezou a escola nos últimos anos 80 e pasou todos os 90 na educación obrigatoria non hai constancia dese revival escolar do Samaín…) pero non ten por que importarnos. Unha festa é sempre unha festa (e a promesa dun festivo nalgún momento da historia) e se hai que recuperar o pasado celta (ou o disquepasado celta) recúperase.

Para non sentir moita culpabilidade (se eres dos que como Méndez Ferrín pensa que esta é no fondo unha festa inventada), podes apostar polo magosto. Seguro que na escola si que faciades un magosto, que é unha das festas, como os maios, que si entra na lista das ‘clásicas’. Un magosto é auténtico: se engades pasteis de cabaza, unhas pantasmas e algunha meiga xa está ‘saiminizado’.

Se ademais estas en Lugo, podes achegarte ata a muralla. Teñen preparada unha procesión de ánimas penitentes: unha especie de mashup entre a Santa Compaña e Halloween, porque dá a impresión de que aínda non acabamos de ter claro que é exactamente iso do Samaín. Segundo El Progreso, a procesión ten a garantía de calidade de varias asociacións especializadas en cultura castrexa (Trebas Galaicas, Caetra Lucensium, Lugdunum y Lucus Equites) así que asumimos certo verismo céltico neste revival. As ánimas portarán, por certo, cabazas iluminadas, un toque 100% Samaín. A Santa Compaña xa sabemos que leva fachos e cousas así, nada de hortalizas resplandecentes.

Cabazas tamén é o que trae a compañía de bombóns Lindt. Eles din que son de Halloween, pero é que non saben que aquí Halloween non se celebra. Hainos no Opencor (seguro) e nalgunha pastelería clásica (apostariamos) e son pequenas pantasmiñas e cabaciñas adorables que saben tan ben como todos os bombóns de Lindt.

Non sabemos se os celtas ían de porta en porta pedindo lambonadas, pero sempre podemos pensar que no Entroido si hai xente que o fai. Seguramente esa costume vén do noso pasado celta, difuminado polos romanos. Con menos hai xente que fixo moitas máis cousas, así que non dubides en roubarnos este argumento se o que queres é facer o de truco ou trato e chegar á casa á tardiña cun cesto cheo de doces.

Se nada disto che convence sempre che queda botar man do clásico e coñecido, renunciar a Samaín e quedarte co día de Todos os Santos (que ben o merece, que para algo é o festivo): vai ata a confitería da esquina e faite cuns ósiños de santo. Son tan doces que son un empalague, pero podemos asegurar case ao 100% que os teus avós xa os comían.

Foto | José Antonio Gil Martínez

Shares

2 comentarios

  • lena di:

    O das cabazas con forma de caveira e unha vela dentro, asociada cos defuntos é absolutamente tradicional en varias partes de Galicia, desde a Costa da Morte ao Morrazo. Non hai máis que preguntarlle á xente do rural ou das vilas de arredor de 50 anos. O como se chame é outra cousa: nalgúns sitios non tiña un nome específico. Eu vivino de nena, antes de que chegase aquí a televisión e, por descontado, o Halloween. Por certo, pregunteille a máis xente e coincidían comigo: tamén se acordaban diso. O “desarrollismo” dos anos 60, a emigración ás cidades e o intento de eliminar todo o que “ulise” a galego e a rural forxou unha xeración insípida, que desconectou das súas raíces. O resultado é este empobrecemento e este non recoñecernos ás veces.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *