En outubro xa ninguén se atreve a negar que estamos en outono, e en Disquecool tamén decidimos darlle a benvida á nova estación con moita moda, plans de series e mantiña, e arte (desde fotografías de lugares abandonados ata de xente montada en Vespas) para ser máis felices agora que o verán marchou de forma definitiva.
Adicaches outubro a pasear baixo a choiva? Estabas tan deprimido pola chegada do outono que xa presaxia inverno que deixaches de lado bos hábitos como o de ler Disquecool? Non te preocupes, recuperamos os artigos máis lidos do mes:
5. La Cantina de A Curtidoría, fast-good no Ensanche santiagués. Unha disquerredactora santiaguesa que confesa que lle gusta a zona nova de Compostela. Faino con argumentos difíciles de rebater: lugares como o restaurante La Cantina de A Curtidoría axudan a que os fans da zona nova xa non teñan que ocultar os seus verdadeiros gustos.
4. FAC: un furancho no que consumir excedente artístico. Como nos gustan as iniciativas de transformación de espazos! Neste caso temos un clásico furancho galego convertido en galería de arte. É dicir, no canto de consumir excedentes de viño, consumirás excedente artístico. Alimento para a alma!
3. E a madeira volveu a ser cool: 6 exemplos. Gafas? Bicis? Bolsos? Si, todo pode ser feito con madeira e así está a pasar. Recollemos o movemento de reivindicación da madeira dándovos algúns exemplos de como se está a utilizar o material.
2. 5 marcas de roupa naif. Quen tería a idea por primeira vez? A quen se lle ocurreu que ás mulleres podía gustarlles vestir como nenas pequenas? O caso é que a cousa tivo éxito e as marcas de roupa naif non fan máis que crecer e reproducirse. Dámosvos algúns exemplos das nosas favoritas.
1. Off Culturgal: 99% Creatividade. Un ano máis, colaboramos co Culturgal organizando un evento no que xente creativa pode presentar os seus proxectos. E, polo número de visitas que tivo a páxina e polo número de solicitudes que recibimos, parece que a crise non afecta á creatividade. Ben!
PLUS. Reunión de nubólogos no I Congreso de Observadores de Nubes. Unha idea fermosa e marabillosa: esquecer os nosos problemas mirando ao ceo, buscando formas nas nubes, aprendendo a saber que significan e a sacarlles fotos… Todo iso aconteceu en Sarria no I Congreso de Observadores de Nubes!