Off Culturgal: 99% Creatividade

Sabemos que detrás da túa creatividade hai moito traballo, que a inspiración non é suficiente para dar vida a novos produtos, proxectos e obras artísticas. Xa o dicía Thomas Alva Edison: “O xenio é un 1% de inspiración e un 99% de transpiración”. Por iso, polo teu esforzo e as túas ganas de crear, queremos volver a ofrecerche un espazo no que poidas das a coñecer as cousas fermosas que resultan dese intenso proceso creativo. Volve Off Culturgal!

O ano pasado Disquecool participou por primeira vez na Feira das Industrias Culturais, Culturgal, a través do Off Culturgal, un encontro informal e divertido no que persoas creativas tiveron a oportunidade de compartir ideas e proxectos e mostrar o seu traballo nun ambiente relaxado. Nesta nova edición, que se desenvolverá durante os días 1 e 2 de decembro en Pontevedra, repetimos experiencia con varias novidades:

ESPAZO

Nesta ocasión o Off Culturgal desenvolverase no corazón mesmo da feira, nun dos escenarios nos que terán lugar as múltiples actividades desta cita da cultura galega, polo que terás a oportunidade de dar a coñecer os teus proxectos e ideas nun marco excepcional.


FORMATO

Off Culturgal: 99% Creatividade pretende favorecer un espazo no que persoas creativas poidan compartir as súas ideas e proxectos a través de desconferencias. Isto é, no canto de presentacións longas e aburridas propón intervencións moi visuais e de duración determinada, que permitan manter un nivel de interese e atención alto, así como unha maior interacción por parte do público.

9 participantes terán a posibilidade de mostrar o seu traballo durante 9 minutos de presentación (6 minutos de intervención + 3 minutos para preguntas do público).

Cada presentación terá que construírse con 18 diapositivas, de 20 segundos cada unha. As imaxes sucederanse automaticamente mentres a persoa fala.

QUE BUSCAMOS?

Seguimos na procura do mesmo: amor polo teu proxecto, talento, ideas. Proxectos creativos, innovadores, emocionantes, inspiradores.

Seleccionamos proxectos do ámbito da creación: deseño (de produto, web, de moda…), edición, audiovisual, ilustración, música, proxectos sociais, arquitectura, fotografía, arte, gastronomía…

Se tes unha boa idea, se cres nela e sabes comunicala, este é o teu espazo.

Como orientación, podes botarlle un ollo aos proxectos seleccionados o ano pasado, así como á crónica do primeiro Off Culturgal.

COMO PRESENTAR O TEU PROXECTO?

Para participar podes enviarnos as túas propostas a lucia@disquecool.com. Necesitaremos:

– Unha breve descrición do teu proxecto
– 4 imaxes ou diapositivas das 18 que presentarías

QUE VALORAREMOS?

A orixinalidade do proxecto é moi importante, pero as imaxes e capacidade para comunicalo a través delas tamén o son.

Buscamos novos creadores, novas ideas e propostas do ámbito galego.

Á hora de realizar a nosa selección escolleremos proxectos de distintos eidos de cara a enriquecer o Off Culturgal con propostas variadas.

PRAZOS

Podes presentar a túa proposta ata o 31 de outubro. O 5 de novembro publicaremos os proxectos seleccionados.

Se resultas seleccionado terás ata o 23 de novembro para entregar a túa presentación completa, e o 1 de decembro será o gran día, o Off Culturgal!

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *