Exploración urbana de paisaxes abandonadas

Exploración urbana

Exploración urbana. O nome xa ten moito de épico, especialmente a primeira palabra. Son Cristobal Colóns en busca de América, son James Cooks perdidos e abraiados en aguas do Pacífico, son os pioneiros recorrendo por primeira vez desertos xeados… só que sen agredir a ninguén e sabendo que o descoñecido, desta vez, xace escondido ao abrigo das nosas cidades.

Na mesma tónica, que tanto nos gusta en Disquecool, de que viaxar é un estado mental co que acolles o que ves, está a exploración urbana, palabra que pode designar a incursión en tódolos recunchos da cidade vetados aos cidadáns (túneles, tellados, fábricas) ou centrarse unicamente en edificios abandonados: estacións en desuso, vellos asilos, palacetes caídos en desgraza, aldeas pantasma…

Os exploradores urbanos, equipados coas súas mellores cámaras fotográficas, penetran neses edificios esquecidos (ás veces pedindo permiso, ás veces ao marxe da lei, escalando discretamente muros e saltando por fiestras) e devólvenos á vida. O resultado son fotos tremendamente poéticas (dependendo da pericia do fotógrafo, claro) que revelan  tesouros secretos, espazos decadentes moitas veces baleiros e impersoais, pero que encerran a promesa das historias alí vividas.

Estación UrbexEstas fotografías de lugares abandonados están de moda desde hai anos e teñen a súa orixe no turismo industrial que comezou nos anos 80 nos países do Este -onde se exploraban, sobre todo, fábricas, estacións, e grandes edificios estatais de diverso tipo…). Hoxe, a exploración urbana saca partido de calquera recuncho abandonado, aínda que unha zona moi apreciada polos exploradores urbanos son os arredores de Chernobyl (por razóns obvias e macabras); a foto que ves en portada, de feito, é dunha ex-escola de música desa zona.

Podes atopar moitísima información sobre este hobby,  galerías de imaxes ou consellos para fotografar mellor en ausencia de luz en numerosos blogs adicados á exploración urbanas (Forbiden places é un dos máis coñecidos). Tamén hai numerosos libros e ata exposicións de exploradores urbanos. Aínda que a min o que máis me seduce é a idea. Ser un explorador urbano. Aventurarse na cidade como na selva, e atopar restos de civilizacións anteriores. Panificadora de Vigo, alá vou!

Fotos | Timm Suess e Shane Gorski

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *