Viaxar a onde xa non queda ninguén

Pripyat

O turismo é un fenómeno complexo. Un sae de casa e quere sentirse un aventureiro, pisar terra virxe, sucar mares ignotos, ver cousas que ningún dos amigos viu… e resulta que  alá na fin do mundo acabas atopando un veciño. Houbo un tempo no que as cousas eran diferentes, claro, cambiar de país (Portugal non conta) esixía un traxecto longo e, sobre todo, moitos cartos. O turismo low-cost supuxo a democratización do turismo, pero o que todos queríamos, malditos egoístas, era que viaxar fose posible para nós… e non para todos os demais!

Así, turista acabou sendo un adxectivo pexorativo. Esas bandadas de turistas, todos iguais, coa cámara nunha man, coa guía na outra… eu non son un turista, eu son un viaxeiro! Eu penetro na cultura local! Eu prescindo da torre Eiffel para ir pasear polo 19th arrondisement!  O paso seguinte estaba claro, era explorar lugares que non resultasen de tanto interese. Por que non ir a lugares esquecidos da man de Deus (e dos homes)? E poucos lugares están máis esquecidos que aqueles nos que xa non vive ninguén (mesmo se xa hai guías de, por exemplo, rutas polas aldeas abandonadas dos Pireneos).

O certo é que os lugares abandonados teñen un encanto decadente indubidable, cando non interese histórico. Hai algo tremendamente nostálxico en ver os vestixios da vida dalgún lugar. Un non pode evitar pensar nos seus habitantes, como eran, que facían, que sentirían ao ver como o que foi importante para eles hoxe son só ruínas.  Canto máis grande é a vila abandonada, máis impacta, se ben tamén é máis posible que o seu abandono axude a convertela en destino turístico de primeiro nivel como aconteceu con Pripyat, unha cidade de 50000 habitantes que tivo que ser evacuada por completo tralo famoso desastre nuclear de Chernobyl.  Hoxe, nos apartamentos, rapidamente abandonados, podemos atopar moitas pertenzas dos seus últimos habitantes entre mofo e vexetación. E por suposto, podemos atopar investigadores, forzas de seguridade, fotógrafos en busca de paisaxes abandonadas e outros turistas. Aínda así intuímos que paga a pena.

Pero para viaxar a lugares abandonados non hai que deixar o país. En España hai máis de 2500 aldeas abandonadas e boa parte delas están en Galicia (podes botar un ollo ao mapa que teñen en Pueblos abandonados, aínda que non está completo), e ata hai rutas que agrupan varias aldeas fantasma. E aquí (na maioría dos casos) si que non atoparás a ninguén.

Se buscas algo máis exótico (e máis impresionante) apunta estes 5 destinos fantasma! Iso si, non chores porque xente coma ti os estean a converter no novo París.

1. Bodie

Bodie

O lonxano oeste está salpicado de vilas abandonadas, crecidas co entusiasmo da febre do ouro e hoxe totalmente mortas ou, como Bodie, convertidas en museo. Bodie chegou a ter 1000 habitantes e 65 saloons, e é unha das vilas fantasma mellor conservadas dos Estados Unidos.

2. Craco

Craco

Craco é unha aldea do sur de Italia con séculos de historia que foi abandonada definitivamente nos anos 60 tras un terremoto que escachou a maior parte das casas e  como consecuencia da escasa rendibilidade da agricultura.

3. Kayakoy

kayakoy

Situada no sur de Turquía, a cidade foi abandonada  polos gregos en 1923, tras a guerra turco-grega. Hoxe pódese gozar de máis de 500 casas e 2 igrexas de estilo grego, considerablemente envellecidas.

4. Kolmanscop

Kolmanskop

Foi construída polos alemáns en Namibia en 1908 para explotar minas de diamantes, e abandonouse no anos 50 cando a cousa non daba máis de si. Hoxe a maioría dos edificios están recubertos da area do deserto.

5. Oradour-sur-Glane

Oradour

Moitas vilas abandonadas foron consecuencia de grandes atrocidades, e un claro exemplo é Oradour-sur-Glane, unha aldea francesa totalmente masacrada na II Guerra Mundial (non quedou ningún dos 646 habitantes vivo). Hai un novo Oradour-sur-Glane preto, pero o orixinal nunca foi reparado.

 

Shares

    3 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *