Pinterest está moi ben para as cousas monas, pero Fancy (o seu inimigo cuquiaséptico) está aínda mellor se o que queres é descubrir cousas que desexarías mercar ipso facto. A newsletter de Fancy podería ser moitas veces unha cartas aos Reis Magos, ao Apalpador ou unha lista aberta do que deberían agasallarche polo teu aniversario. Eles saben que o ecommerce é o que os fai diferentes e fortes (de feito, teñen as súas propias caixas mensuais de cousas molonas, como de comida gourmet) e por iso é incriblemente sinxelo mercar o que ves. Todo isto para contar que no seu último envío ao mail viñan uns sales de baño do máis hipster. Esquecede os grandes debates sobre se o cogombro está xa pasado (con grosellas ou con laranxa é un vicio!), non vos preguntedes xa se chegou o momento de pasar ao seguinte cóctel de moda (eu voto polo mimosa, pero vós podedes escoller) e non vos angustiedes pensando en que xenebra gourmet ides botar na copa. O último é bañarse directamente en gin tonic.
Como facelo? Para iso hai uns sales de baño especiais de gin tonic. Fabrícaos The Motley, unha marca pija de cosmética para homes que se pode mercar na rede. Como ninguén dixo que os gin tonics fosen patrimonio masculino, votamos para que quen queira se faga con estes sales de baño. Hai que botar dúas pastillas, segundo as instrucións da web, mentres se está enchendo a bañeira con auga quente para poderse mergullar nun baño do máis decadente. Custan 15 dólares (uns 11 euros ao cambio). Na web de The Motley tamén se pode atopar aínda unha edición limitada que fixeron para unha coctelería de Los Ángeles, por 14 dólares.
Unha aposta orixinal aínda que unha rápida investigación nesas dúas fontes de todo o estraño que pode chegar dos EUA (Amazon.com e Google) demostra que o de bañarse en gin tonic non é un capricho difícil de conseguir. Outras marcas tamén lanzaron produtos para conseguilo. Demeter Fragrance Library ten unha colección de fragrancias, xeles de baño, xampús ou sprays para crear atmosferas do máis variado. E se a través de Amazon venden cheiros como sucio (si, efectivamente), neve ou tormenta, na súa web teñen toda unha coctelería. De gin tonic teñen fragrancia, xel de baño, spray de atmosfera ou perfume sólido. Pero non só hai gin tonic, tamén bourbon (o whisky americano), martini, sexo na praia ou limoada rosa. Se vos sentides demasiado decadentes, podedes optar igualmente por olor a libro ou… auga bendita!
Un pouco máis preto, por se non podedes agardar ao tempo de entrega dende os Estados Unidos, tamén hai xeles espumosos de gin tonic. Pódese atopar en libras esterlinas e made in a patria do gin tonic esta opción británica.
Foto | Muller no baño, de Roy Lichtenstein. Museo Thyssen Bornemisza | The Fancy