A reinvención (e a recuperación!!) do mimosa

Grazas deus dos cócteles! O mimosa volve con toda a forza e xa ninguén me mirará raro cando pregunte, con grandes esperanzas aínda que sempre sospeito que non serán cumpridas, se está na carta de cócteles. Ata agora a meirande parte das veces dicían que non. Ata agora.

mimosa coctelO mimosa é un cóctel digno do Gran Gatsby ou dalgún estiloso vintage. Apareceu nos felices anos 20, esa gran época de especulación, vestidos marabillosos e decadencia xeral no que tantos grandes avances foron deseñados (como por exemplo a incrible bebida da que estamos a falar). Hai un certo debate sobre quen foron os primeiros en facelo coñecido (hai a opción británica e hai a opción Ritz de París, que ten un toque máis chic, por suposto) aínda que os seus ingredientes clave son sempre os mesmos: zume de laranxa e máis champaña (na versión británica unha chea de champaña e un pouquiño de zume, na francesa dúas partes de zume e unha de champaña).

O cóctel pronto se converteu nunha bebida desas consideradas femininas e acabou por caer na lista de pouco emocionante. Pero se recuperou o gin tonic (que era unha bebida de raíñas británicas e pouco máis!), se a sidra virou cool e se o xerez fixo unha tentativa por volver, por que non pode o mimosa reconverterse no novo cóctel de moda? The Wall Street Journal aposta por unha reinvención da bebida nun dos seus últimos artigos da sección de estilos de vida. E se o Journal, que é unha das biblias dos poderosos do mundo enteiro, aposta por unha reinvención, non deberiamos tardar moito en velo de volta.

O novo mimosa voltará, iso si, con ingredentes diferentes. As laranxas de toda a vida deixan paso aos produtos de tempada, como a laranxa sanguina (que ten un sabor particular e unha cor sanguinaria bastante atractiva e que, aínda que non é doada de atopar, paga bastante a pena) ou a granada (que é máis habitual nas froiterías e que tamén ten unha cor espectacular).

Foto |  vxla

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará