Restaurant Day: facer de comer para un estraño

Restaurant Day

Imaxina ter un día a unha chea de descoñecidos na túa cociña aos que lles vas dar de comer ese polo ao curry que tan ben che queda. Ou pensa en ir a un parque calquera e atopar un posto inesperado de galletas e doces para tomar a merenda. Ese é o espírito do Restaurant Day, unha iniciativa que comezou en maio do 2011 en Helsinki (onde xa conseguiu ata un premio do ministerio de Cultura finés) e que xa se celebra en todo o mundo. Os seus inventores defíneno como unha xornada festiva “a favor dos restaurantes e da cultura da comida” e é, durante un día, unha oportunidade para que calquera poda abrir un restaurante, un café ou un bar. Valen parques, oficinas, casas particulares, rúas…, en realidade, calquera espazo para facelo sede do evento.

O único que hai que ter é unha idea. Pensas que queres dar de comer e rexístralo na páxina do evento. Non é obrigatorio que sexa unha aposta exótica, aínda que as diferentes edicións da xornada permitiron descubrir ou van permitir facelo algunhas moi especiais. Por exemplo, na próxima edición, un destes restaurantes pop-up en Rusia estará nun iglú. Dende a web do Restaurant Day lembran sen embargo que o importante é lanzar o restaurante que che gustaría a ti. Logo tes que dar a coñecer o teu proxecto, na web do Restaurant Day ou en Facebook, e xa podes prepararte para recibir aos teus clientes. Aínda que os responsables destes restaurantes pop-up poden cobrar aos asistentes pola comida que lle serven, a idea final non é a de facerse rico coa xornada. Non se trata de facer publicidade a restaurantes xa existentes ou de aproveitar o día para facer caixa.

Na última edición, o pasado novembro, conseguiron 702 restaurantes en máis de 130 cidades de  25 países diferentes.

O próximo Restaurant Day vaise celebrar este domingo, 17 de febreiro. En España só están rexistradas dúas experiencias, unha en Madrid e outra en Barcelona, pero aínda poden sumarse máis restaurantes pop-up. Se non, sempre queda agardar pola próxima volta. O Restaurant Day faise catro veces ao ano e o 18 de maio, o 18 de agosto e o 16 de novembro serán as novas datas consagradas á celebración da comida.

Foto| Tuomas Sarparanta, cortesía de RestaurantDay (Ina Mikkola (esquerda) e Rosa Kettumäki participan no Restaurant Day por segunda vez como responsables de restaurante)  

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *