Por que unirte á tripulación cando podes ser pirata? Esa é a suxerinte proposta de Startup Pirates, unha organización cuxo programa formativo está a se estender por todo o mundo. O obxectivo? Acelerar a posta en marcha de diversos proxectos emprendedores mediante actividades de formación, mentoring, e desenvolvemento de novas ideas agrupadas nun programa de aprendizaxe ao longo dunha intensa semana.
Tal e como están as cosas, emprender parece, sen dúbida, a mellor resposta. Fai falla un plan, pero tamén motivación para atreverse a levalo a cabo. Tanto se contas cunha idea de negocio como se te consideras capaz de colaborar con outras persoas, podes atopar ambas cousas no Startup Pirates que se celebrará en Vigo este mes de maio (entre o 25 de maio e o 1 de xuño). A única condición é que os proxectos resultantes dese programa de formación se centren no emprendemento social. “Neste momento hai moitísimo recorrido para o emprendemento social. Cuestións como a vivenda, o desperdicio de alimentos, o desemprego, o aforro enerxético, a integración social, o fracaso escolar,…están nas nosas conversas diarias e nos medios de comunicación, porque son grandes preocupacións de toda a sociedade. E se pode facer moito para darlles solución”, explican desde a organización.
Esa organización é Contextos, unha consultora de comunicación. O evento foi proposto por alguén que xa participara no Startup Pirates de Barcelona cun proxecto de aluguer social, e quedara moi impresionada, polo ambiente positivo e a calidade da formación. “Durante dez días ninguén falou de crise, nin houbo queixas da situación actual. Todos,participantes, organizadores, poñentes e mentores, estaban moi comprometidos cos proxectos e coa posibilidade de facelos realidade”, explica. Xa de volta pensou que se podería organizar unha edición en Galicia, e Startup Pirates Vigo é o resultado.
O lugar onde se celebrará aínda non é definitivo. Pero si se sabe que poderán apuntarse ata 30 piratas, que se agruparán en equipos de traballo, asistirán a 8 workshops sobre modelos de negocio, comunicación, finanzas, desenvolvemento de produtos e servizos…, accederán a unha nova rede de contactos, poderán lograr premios que axuden á súa startup a dar os primeiros pasos, e contarán co consello de máis de 20 emprendedores. En Vigo, por exemplo, compartirán a súa experiencia emprendedora xente de campos moi diversos (coaching, arte, economía, ciencia..) cuxos nomes poderemos ir vendo na páxina web de Startup Pirates Vigo. Tamén alí atoparás toda a información sobre cómo apuntarte -antes do 31 de marzo sae mellor de prezo-, ou a axenda de actividades.
Ademais, desde a organización queren insistir en que emprender non é algo propio de superhomes:”O emprendemento consiste en querer facer cousas, en ser creativo e en esforzarse, e ademais é unha saída profesional coma outra calquera.” Coa vantaxe de que ser un pirata é moito máis divertido que acatar ordes.