Biciweek, ou como amar as bicis

Biciweek Pontevedra
Non é ningunha novidade que en Disquecool somos amigos das bicis, os nosos Disquerretos son boa proba delo. Peor é que ademais estamos convencidos de que a bici non so é unha maneira xenial para ir de vacacións, senón que é unha das ferramentas que nos van a axudar a ser máis felices e vivir mellor nestes tempos convulsos. É por iso que non podíamos deixar de festexar o Día Internacional da Bicicleta, e de que mellor maneira que achegándonos á Biciweek de Pontevedra.

DQ130425_04É probable que se tivésemos que escoller unha cidade galega á que porlle a bandeira de cidade Amiga da Bicicleta, esa sería Pontevedra. Con unha orografía sen moitos desniveis que permite pedalar ata aos máis preguiceiros, con moito espazo peatonal e moitos kilómetros de carrís bicis e paseos, tanto no centro coma nos arredores, desprazarse por Pontevedra en bici é un gustazo. Así que collimos as nosas bicis e este domingo marchamos a celebrar o Día Mundial da Bicicleta cun montón de amigos das dúas rodas.

As actividades, que ocuparon toda a fin de semana, comezaron coa apertura xa o venres dunha exposición de bicicletas clásica, que repasa de maneira breve a evolución de este medio de transporte. Modelos dos anos 40, excentricidades pregables dos 70, algún exemplo da clásica decoración flúor dos 90 e unhas cantas preciosidades moi ben coidadas que fan imposible que non che entre unha certa morriña vintage. É que… xa non se fan bicis como as de antes.

Biciweek Pontevedra

Pero unha das actividades máis novidosas da Biciweek foi a Bicimostra, un mercadillo con tendas de bicis, modernas, clásicas, fixies e eléctricas, e todos os complementos que podes precisar. O tempo que servía para descubrir toda a oferta relacionada co mundo da bici que hai en Pontevedra era o perfecto punto de encontro do mundillo ciclista da cidade que atopaba nos seus coxíns xigantes un sitio perfecto para charlar, aprender sobre bicis e como reparalas ou tomar o sol que acompañou toda a fin de semana. Entre os postos que ocupaban a praza Ferrería estaba o de Carballo e Estrela, do que pronto vos falaremos.

Biciweek Pontevedra

O domingo pola mañá foi o momento de xuntarnos todos e saír a pasear coas nosas bicis. Esta marcha, se ben un acto social, divertido e, por que non dicilo, reivindicativo, non é o paseo máis cómodo que temos feito por Pontevedra. As máis de 2.000 bicis que se botaron á rúa fixeron que a marcha fose lenta, ou moi lenta. Para amenizar un pouco máis o paseo, un formigueo de pequenos kamikazes sobre rodas encargouse de deixar ben claro que a bici ten futuro, e que nós estamos vellos e lentos.

Xa pola tardiña, e antes de rematar a fin de semana, as fixies tiveron o seu momento de gloria. Esta comunidade de amigos do piñón fixo e as bicis sen cables (nin freos) e cheas de cores fixeron unha demostración de que pouco máis que dúas rodas e un guiador fan falla para andar en bici. Iso si, que conste que en Pontevedra moitas costas non hai.

En resumo, unha agradábel fin de semana para constatar a saúde que a bicicleta ten en Pontevedra, e que esperamos que se contaxie ao resto das cidades e vilas de Galicia. Vémonos na próxima Biciweek.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *