Abraiados quedaron os habitantes da Guarda que este domingo camiñaban xunto o mar. O vento costeiro viña cargado de nostalxia. Un grupo dunhas 50 persoas percorría o paseo marítimo con elegancia británica nas súas bicicletas clásicas. Gorras e sombreiros, tirantes, chalecos, e sobre todo moito tweed conformaban o estilo destes ciclistas, convocados por un grupo de amigos deste municipio para un evento singular: unha marcha ciclista con vestimenta de época e bicicletas de antano. A Tweed Ride chega a Galicia!
O xerme foi en Londres. A capital británica acollía en 2009 o primeiro evento desde tipo, bautizado como Tweed Run, e desde entón celébrase cada primavera no centro da cidade, e xa se estendeu a grandes capitais mundiais. A idea: unha festa ciclista na que os participantes deben ir vestidos cun look tradicional británico de reminiscencia ciclista. A prenda básica é, sobre todo para os cabaleiros, ese pantalón de tweed que chega ata uns centímetros por baixo do xeonllo e que se asociaba ás prácticas deportivas a finais do século XIX e principios do XX (para que os poidades visualizar, son os pantalóns que usaban Tintin). Calquera bici é ben recibida nestes encontros, pero obviamente, canto máis clásica mellor. En España, este tipo de eventos xa se viñan celebrando en cidades como Madrid ou Santander, pero é, segundo os seus organizadores, a primeira vez que se realiza en Galicia.
A Tweed Ride partiu do porto da Guarda, percorrendo a liña costeira ata Camposancos, onde os ciclistas pararon para repoñer forzas tamén con inspiración british. Así, despregáronse os manteis, abríronse as cestas de pícnic e serviuse o té, mentres unha gramófono portátil poñía a nota musical con discos de lousa (“Non é hip hop, é música da de antes”, aclaraba unha das nenas ciclistas). Tamén houbo tempo para sorteos e fotos analóxicas.
A iniciativa foi impulsada por un grupo de amigos da Guarda, entre os que se atopan os integrantes da Casa Taller, e tamén contou coa colaboración de éxfico Original Musical Clothing, Panadería Morales, Petit de la Crème, Ciclos Palacios e Gráficas Lomba.
Fotos | Andrés Fraga e MyTasteInBikes
hola, gustaríame contactar co fotógrafo Andrés para conseguir unha foto en concreto que vin que sacaba e non se publicou. graciñas
Que bonito !!! El lugar para perderse …. Que vistas!!!! Parecen las imagenes sacadas de una película antigua, el vestuario….impresinante!!!