Benvidos á Casa Taller

O arquitecto dicía que aquelo era imposible. O construtor, seguindo a máxima galega do ‘malo será’, opinou que tras 100 anos en pé, por que ía caer agora a casa. E Gemma Marqués e Daniel Alonso aferráronse á esperanza, por mínima que fose, e lanzáronse de cabeza ao seu soño: un fogar, unha galería, un obradoiro de traballo, un lugar para a inspiración, un espazo para o encontro. Moitas cousas que son en realidade unha, La Casa Taller, o proxecto vital e profesional desta parella -ela pintora, el escultor- que destaca sobre a liña do paseo marítimo de A Guarda co seu inconfundible azul turquesa.

Gemma e Daniel ábrennos as portas da súa casa, e en consecuencia, do seu traballo e a súa vida, porque La Casa Taller reúne todo, e máis. Nótase que lles gusta recibir visitas. Ambos son hospitalarios e conversadores, un carácter que tamén transcende á súa vivenda, acolledora, poboada de lembranzas e con moito carácter propio. Antigamente, a construción era un secadoiro de peixe. Hoxe acolle os estudos do escultor e a pintora, un pequeno espazo expositivo e a vivenda, que inclúe unha magnífica terraza con vistas ao mar.

En La Casa Taller cada obxecto -incluídos os máis cotiás- teñen a súa propia historia. Así, a parella aproveitou o mobiliario da casa e incluso da obra, convertendo un armario nun moble-bar, unhas boias de cristal usadas antigamente por mariñeiros nunha lámpada, uns andamios nuns estantes, ou unha bobina de cables de teléfono nunha mesa. Non falta un lugar para o ensaio da súa banda, Rebarbacoa, e para as obras de arte de Gemma e Daniel e dos seus amigos, que ocupan cada recuncho dunha vivenda chea de cor.

Gemma naceu en Burgos pero é viguesa adopción. Estudou Belas Artes en Pontevedra, e posteriormente especializouse en retratos na Universidade Complutense de Madrid. En La Casa Taller, mirando ao mar, pinta retratos, sobre todo por encargo. Nas súas paredes atoparás ademais unha serie de contedores e bidóns nos que tamén está presente a beleza en forma dunha flor que emerxe, dun ciclo que se renova. A súa paixón polas Vespas (Daniel e ela están no grupo Vespeinados), tamén a levou a pintalas. “Encántanme, as cores e todo”, afirma a artista. Pero Gemma non só retrata persoas, senón tamén obxectos que en certo modo teñen a súa alma, ou polo menos así o entenden os seus donos, como coches clásicos ou as máquinas de escribir dun coleccionista.

A vocación da pintora polo retrato comezou en Pontevedra, onde Daniel, natural de A Guarda, estudaba na Escola de Canteiros de Poio. Aí se coñeceron, e aí decidiu regalarlle un retrato polo seu aniversario. Resultou que non se lle daba nada mal, e desde entón converteuse no seu modo de vida.

E se Gemma atrapa nos seus lenzos a vida das persoas, Daniel moldea a pedra. As súas obras caracterízanse pola influencia da cultura galega e a tradición mariñeira, así como pola utilización de diversos materiais. Deste xeito, sobre unha forma traballada en granito de Vilachán (nas proximidades de A Guarda), vai engadindo madeira e outras pedras. Na actualidade estalle dando voltas ademais a un novo proxecto, que lle permita expresarse fóra do taller, introducindo a escultura na arte urbana.

Levan dous anos vivindo e traballando nesta casa, e claro está, o contorno ten unha clara influencia no que fan. Deste mar nace a serie de gamelas de Gemma, e a introdución de corda e madeira, utilizadas polos mariñeiros, na obra de Daniel. “Nunha capital se sempre ves o mesmo acabas facendo o mesmo que os demais”, afirma o escultor, que cre que máis xente sairá da cidade en busca doutras experiencias e calidade de vida. Nesta mesma liña, o artista salienta que “ás veces temos cousas aquí que non vemos e non explotamos”. “Desta idea nace tamén o concepto da casa: negarnos a que só se fagan cosas guays fóra”, conclúe.

Todo o que visite La Casa Taller coincidirá en que é todo un luxo, que Daniel e Gemma non dubidan en compartir con outros artistas, deseñadores, amigos e visitantes, tanto que a terraza convértese nun centro de discusións, debates e novos proxectos. E por se todo isto fose pouco, a casa conta cunha azotea con horta ecolóxica na que tamén fan cine ao aire libre. O ano pasado realizaron un ciclo sobre películas de Ciencia Ficción clásicas, e este ano dedícano ás Vespas, con filmes como ‘Vacacións en Roma’ ou ‘Alfie’. Incluso teñen unha gamela para pequenas viaxes marítimas!

Se pasas por A Guarda busca a casa turquesa, as súas portas sempre están abertas.

* Podes coñecer máis sobre Daniel Alonso e Gemma Marqués nas súas webs.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

6 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *