Os hipsters advenedizos fan Polaroids cos seus iPhones (si, usuarios de Instagram, falamos de vós), pero os de verdade, eses que nunca terán un iPhone porque é demasiado mainstream, aínda confían na maxia analóxica das cámaras Polaroid. É ademais algo que require esforzo, buscar os cada vez máis desaparecidos cartuchos, e cartos. Debido a estes dous factores, moitas cámaras Polaroid levan anos sen saír á rúa, pero hai motivos para ter esperanza: atopar cartuchos volve a ser posible gracias a The Impossible Project. O dos cartos, non obstante, segue a ser un un problema…
The Impossible Project, que naceu hai catro anos froito do amor que un austríaco (Florian Kaps, multimillonario e filántropo) e un holandés (André Bosman, que traballou 28 anos na firma) lles profesaban ás Polaroid ante a noticia do peche da última fábrica, ten unha das súas sedes en Viena. Na rúa Westbahnhstrasse, debidamente situada ao carón dunha tenda de cámaras Leica e o Westlicht Museum (un museo de fotografía), ten o seu pequeno recuncho a tenda de The Impossible Project, onde os visitantes poden facerse coas tan buscadas películas (entre 18 e 20 euros a caixa, cada unha dá para oito fotos), cámaras, e todo tipo de merchandising relacionado.
Pero se caes por Viena antes do 21 de agosto, a visita imprescindible é a da exposición que hai estes meses no Westlicht Museum: a colección europea de Polaroid, que hai uns anos estivo a punto de perderse ao ser poxada (foto a foto) debido á mala situación económica da empresa, foi salvada por este museo que a adquiriu na súa totalidade.
Que ten esa colección para que puidese ser un drama a súa perda? Moi sinxelo: centos de Polaroids sacadas por fotógrafos como Ansel Adams ou Andy Warhol desde finais dos 70, imaxes nas que os artistas experimentaban con cámaras (como as que sacan fotos de 20×24) que Edwin Land, inventor da primeira cámara Polaroid, lles pasaba os artistas máis importantes do momento para que as probasen.
O visitante descubrirá cousas como que as Polaroids non teñen por que ter sempre ese formato que todos coñecemos, e que coa cámara axeitada en mans do fotógrafo axeitado poden ata facer fotos completamente enfocadas (crías que o de estar un pouco borrosas era parte da súa identidade?). Ademais, poderás visitar tamén a súa exposición permanente de cámaras ao longo da historia da fotografía, con pequenas curiosidades como a das mini-cámaras preparadas para ser transportadas por pombas e facer así fotos aéreas durante a Primeira Guerra Mundial.
Entrar no Westlicht Museum costa 6,50 euros, pero mellor leva máis cartos no peto… a tenda de The Impossible Project está demasiado preto e sairás da exposición querendo dedicarte profesionalmente a tirar fotos Polaroid.
Fotos | Disquecool
4 comentarios