The Instant Lab, as fotos do iPhone reveladas en formato Polaroid

Se pensabas que xa o viras todo cos filtros de Instagram, se es desas persoas que non se poden resistir ao encanto do analóxico e ao mesmo tempo usan compulsivamente o iPhone, esta é unha boa nova para ti. Ou polo menos, o inicio de algo bonito. Por fin, a alianza perfecta entre o dixital e o papel, entre os últimos avances tecnolóxicos e o vintage. Xa o indica o seu nome, The Impossible Project non cre nos imposibles, e por iso, tras loitar contra a desaparición da fotografía feita con Polaroid, agora lanzan un curioso aparello que converte as imaxes capturadas co smartphone de Apple nas recoñecibles instantáneas producidas polas cámaras máis retro.

The Instant Lab é o nome desta iniciativa, unha sorte de laboratorio instantáneo ou cámara negra na que se procesan as fotografías tomadas co teléfono. A vantaxe deste sistema con respecto a unha Polaroid ao uso é que podes previsualizar a imaxe antes de revelala. É dicir, tes a posibilidade de escoller que fotografía desexas imprimir. Unha vez seleccionada, terás que abrir a app de Impossible, despregar o acordeón negro da parte superior deste dispositivo, colocar o teu móbil na parte de arriba e pulsar o disparador. En poucos segundos a túa captura dixital emerxerá da caixa negra impresa en papel fotográfico coas recoñecibles características das Polaroid.

Florian Kaps, o fundador de The Impossible Project confesa no vídeo de presentación do proxecto que a súa Polaroid favorita é a SX-70, se ben realiza a maioría das fotos co seu iPhone. Desa aparente contradición, e da imposibilidade de converter esas imaxes dixitais nas instantáneas analóxicas que tanto ama, nace The Instant Lab.

De momento este invento é só un prototipo. Impossible lanzou unha campaña de captación de fondos en Kickstarter, e a 17 días para o seu peche xa leva máis de 450.000 dólares dos 250.000 que necesitaba para iniciar a súa fabricación. Aqueles que a apoien poderán facerse con edicións exclusivas e con unidades a prezo reducido.

Fotografía e vídeo | The Impossible Project

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *