No ano 2007 Steve Jobs presentaba o primeiro iPhone, un dispositivo que estaba chamado a revolucionar o mundo dos teléfonos móbiles e que pretendía substituír a nosa axenda, ordenador, reprodutor mp3 e cámara de fotos. Desde entón a maioría desas funcións pasaron a integrarse de xeito natural na maioría de dispositivos e deixamos as nosas vellas axendas e reprodutores de música gardados nun caixón. Non obstante, había unha función dificilmente intercambiable por un teléfono: a cámara de fotos. Pero iso son cousas do pasado, o smartphone Nokia 808 substitúe plenamente o noso dispositivo fotográfico, e faino con nota.
O sucesor do N8 presentouse aos medios de comunicación en febreiro, ondeando a bandeira dos 41Mpx. Se a innovación deste dispositivo se limitase a isto, unha cantidade absurda de píxeles, o terminal non tería chegado moi lonxe. O fascinante desta pequena xoia da enxeñería foise descubrindo pouco a pouco, cando Juha Alakarhu, xefe de Tecnoloxía da Imaxe en Nokia, e o seu equipo foron revelando a tecnoloxía que se agocha detrás desta cámara, que deron en chamar PureView.
A novidade reside en utilizar un sensor de 41Mpx para facer fotos de 8, 5 e 3Mpx. O procesador dedicado co que conta a cámara pode usar ata 14 píxeles para fabricar un só píxel da nosa foto, o que permite dispor de moita máis información de cor e luminosidade para obter imaxes dunha elevada calidade.
Como resultado deste proceso, a cámara do 808 supera en definición, contraste, ruído e calidade de cor non só a todos os móbiles do mercado, senón á maior parte das compactas. Nas probas de laboratorio que realizamos o Nokia 808 chegou a superar incluso nalgúns casos á famosa e recoñecida Canon EOS 5D MarkII. Ademais da calidade das imaxes, a tecnoloxía PureView conta coa vantaxe fronte ao resto dos teléfonos de dispor dun zoom dixital sen perda de calidade.
Pero non só de calidade vive o fotógrafo. A interface da cámara deste Nokia facilita ao máximo o acceso aos menús, que se distribúen comodamente nunha pantalla de 4 polgadas, e ofrece unha serie de opcións imprescindibles á hora de traballar unha foto. Modos de flash, sub e sobre-exposición, sensibilidade, temperatura de cor e filtro ND están accesibles a un só toque dos nosos dedos, e un práctico menú permite axustar o resto de funcións. O botón físico para o disparador fai que nun par de segundos teñamos a nosa cámara lista para usar, aínda que teñamos o teléfono bloqueado.
Para aloxar esta cámara prodixiosa Nokia creou un terminal que recolle o mellor da tradición dos fineses. Un móbil sólido e cómodo de soster, deses que sabes que se caen escaleiras abaixo só terás que collelo, xuntar as pezas e prendelo. O seu grosor e peso poden resultar incómodos se estas afeito a un móbil moi lixeiro, pero agradécense cada vez que o utilizas para facer unha foto. Dese peso son culpables o gran sistema óptico, que sobresae da parte traseira, e a gran batería que nos permitirá botar todo o día fóra de casa, facendo fotos, gravando vídeos e inundando as redes sociais coa nosa faceta de fotógrafos.
Pero se todo isto é certo, por que non o vemos nunca en ningures? Por que non o anuncia ningún operador? A razón poder vir da man do seu sistema operativo: é un Symbian. Belle, a última actualización do (na miña opinión) maltratado sistema operativo de Nokia encárgase de todo o que non sexan fotos. Probablemente o faga por última vez, pois disque este será o último teléfono dos fineses en levar este sistema. Así que se es dos que cre que Gravity é a mellor app para Twitter, dos que usan Joiku Spot cando viaxan ou dos que saben que apertando seguido o botón de desbloqueo se prende o flash do teléfono; esta é a túa última oportunidade.
Se xa tedes ganas de ver de que é capaz este teléfono, que saibades que as fotografías da crónica do Sinsal, do Lumia 710 ou do Pracer do almorzo fixéronse exclusivamente cun 808. Para os que teñades aínda máis curiosidade, déixovos un vídeo da que, sen lugar a dúbidas, é a mellor cámara de fotos que nunca tivo un móbil.
* Análise feita grazas ao terminal cedido por Nokia a Disquecool
Fotos | Andrés Fraga
1 comentario