Existen praceres maiores que un almorzo amodo, co arrecendo do café e o teu xornal despregado? Probablemente poucos, e aínda así, a que debería ser a comida máis importante do día queda moitas veces esquecida nestes tempos modernos de présas. O que máis me gusta das fines de semana e das vacacións é poder levantarme tranquilamente e dedicar o tempo que sexa necesario a este pracer matutino, ben na casa, ben fóra. Lamentablemente, ata hai uns anos a oferta de almorzos en Galicia era bastante reducida, limitándose en moitos establecementos a croissants, Donuts, torradas de pan de molde e sobaos Martínez. Pouco a pouco outras opcións comezaron a introducirse nas cartas: tortas e maior variedade de doces, a versión mediterránea dos almorzos, con aceite e tomate, o pan galego para as torradas (quen quere pan Bimbo tendo molete?), o iogur con cereais… Se vives ou pasas por Santiago poderás gozar de varias opcións para comezar o día do mellor xeito, incluso brunch! Aquí van os noso 5 favoritos.
1. Café Tertulia. Este pequeno café, situado ás portas do Pombal, é perfecto para un almorzo sosegado nun ambiente tranquilo e agradable. É un lugar moi acolledor, a atención é inmellorable e a carta do máis variado. Torradas, sándwichs mixtos, croissants e ata opcións importadas como o almorzo inglés e as tortiñas. Para acompañar, zumes naturais variados, infusións ou un delicioso café que serven coroado con debuxos feitos na escuma. Debido á súa crecente popularidade e ao seu reducido espazo ás veces resulta complicado atopar un sitio libre, pero non desesperes, o segredo dun bo almorzo é tomalo con calma.
Rúa do Pombal, 2
2. Café-bar Bicoca. Que descubrimento, brunch en Santiago! É domingo, a noite anterior houbo festa, e érgueste tarde, tanto que xa non sabes se merece a pena almorzar ou esperar ao xantar. Agora en Compostela xa podes facer as dúas cousas ao mesmo tempo, por fin o brunch chegou ás nosas terras! O café-bar Bicoca, situado preto de Porta do Camiño, ofrece esta posibilidade os domingos, de 12.30 a 16.30 horas. A carta é realmente ampla e ecléctica, tanto que botarás un bo tempo intentando decidir. Podes facer un brunch á túa medida, escollendo entre as distintas posibilidades, ou ben optar por algún dos packs: continental (torradas, bolería francesa -son realmente de manteiga-, café/té e zume natural), deportivo (torradas con aceite, iogurt con cereais, froita, café e zume), inglés (ovos con touciño entrefebrado, salchichas, fabas, torradas, café/té e zume), venezolano (arepas, queixo, york e ovos revoltos), ou americano (o máis completo con tortiñas, iogurt ou leite con cereais, froitas, ovos con touciño entrefebrado, torradas, café/té e zume natural).
Por se aínda quedas con fame, cousa que dubido, na carta tamén atoparás ensaladas e hamburguesas gourmet (galega, italiana, mexicana ou francesa). Todo está riquísimo e o servizo é excelente.
Rúa de Entremuros, 4
3. Hotel Costa Vella. Comezar o día neste refuxio paradisíaco é algo moi especial. Tomar o teu café escoitando o ruído da fonte, entre altos muros de pedra e nun xardín ateigado de flores e plantas é un luxo ao que moitos turistas e composteláns se apuntan. As torradas están exquisitas, feitas con pan galego. Cando o tempo non acompaña, a galería tamén é unha boa opción.
Rúa da Porta da Pena, 17
4. m* Café. Este establecemento é coñecido por moitas cousas: ten ofertas especiais en Foursquare, é lugar de reunión habitual de twitteiros (precisamente este venres ás 20 horas o grupo @Twitscq celebra aí unha xuntanza de verán) e todos os mércores acolle o grupo de calceta iPunto. O ambiente é moi agradable, teñen wifi libre, libros á disposición dos clientes e boa música.
Ofrecen tres modalidades principais de almorzo entre os 2,50 e os 3,50 euros, ademais dunha ampla variedade de cafés, chocolates e doces.
Rúa Fonte de Santo Antonio, 15
5. Recantos Café Bar. É un lugar ideal para o inverno. É unha cafetería ampla e luminosa e conta cunha terraza cuberta. Na súa carta poderás atopar zumes de laranxa naturais, bolería e unhas torradas de pan de verdade. Ten unha clientela moi variada e conta con wifi, polo que é habitual atopar xente con ordenadores. En xeral o ambiente é tranquilo, polo que é perfecto para ler a prensa. Ademais poñen á disposición dos clientes varios xornais e revistas.
San Miguel dos Agros, 2
Fotos | Andrés Fraga
A próxima vez que vaia a Santiago irei en xaxún para poder almorzar nalgún destes sitios! Que apetecibles!
Que rico todo, bueno yo embarazada arrasaba con todo… digame la tortitas…, direcciones y nombres anotados, cuando pueda iré.