Ao longo deste ano descubrimos unha chea de lugares 100% Disquecool. O vintage, o rexurdimento das hamburguesas, os espazos que maridan arte e gastronomía e os disquelugares portugueses marcaron o noso 2012.
10. Restaurantes vexetarianos en Vigo. Hai algunhas persoas que aínda cren que un restaurante vexetariano ofrece pouco máis que leituga. Opcións como os locais Gálgala, Cúrcuma e Albahaca, en Vigo, demostran que é posible atopar exquisiteces e innovación gastronómica máis alá da costeleta.
9. A Nave de Vidán. O antigo almacén dunha ferretería de Santiago alberga agora unha sala de concertos, zona cultural, restaurante e café. Na Nave de Vidán podemos degustar produtos do país en receitas tradicionais -aínda que con certos toques contemporáneos- nun espazo de decoración post industrial de altos teitos e lámpadas de deseño.
8. O rexurdimento das hamburguesas. Ata hai ben pouco o concepto hamburguesa parecía remitirnos unicamente a comida lixo. Pero este prato pode ser moi saboroso e de excelente calidade. Puidemos comprobalo -pese a ter que agardar unha eternidade a que o noso pedido saíse da cociña- en La Pepita Burguer, en Vigo. O concepto fast-good é a máxima do espazo gastronómico La Cantina de A Curtidoría, aberto recentemente en Compostela. Ademais de hamburguesas podemos atopar outros manxares como fingers de polo ou langostinos crocantes.
7. Prendas e obxectos que narran historias. Visitamos Polka Dots (A Coruña), un establecemento de obxectos de segunda man baseado no sistema de depósito-venda no que chaquetas e vestidos, teléfonos de roda e máquinas de escribir contan historias. Así, nun paseo polo local podemos descubrir prendas con divertidas descricións como estas: “Eu triunfaba con este abrigo, poñíao con guantes longos”, “Esta camisa era engurrada ata que miña nai empeñouse en pasarlle o ferro”, ou “Con esta chaqueta fixen a miña primeira entrevista de traballo, e déronme o traballo!!”
Panties de fantasía, zapatos de cowboy, cazadoras vaqueiras e camisas hawaianas danse cita nas perchas e andeis de Isidoro & Ramiro, un establecemento situado no corazón da zona vella de Santiago que é xa parada obrigada para os amantes da moda vintage.
6. Comida exótica en Santiago de Compostela. É posible degustar pratos doutra culturas na capital galega? As opcións non son moi numerosas pero se andamos de antollo de comida exótica sempre podemos optar pola comida xaponesa (Santiago Kyoto), a hindú pakistaní (Punjabi Food), ou a filipina (Las Cien Islas).
5. En Tui hai un lugar onde se fabrican cousas: La Fabriquería. Pese á súa curta vida xa se ten convertido nun must da vida cultural do sur de Galicia. E que tipo de cousas fabrica esta Fabriquería en Tui? Un pouco de todo: ricos tés, concertos, exposicións, sesións de merenda con bocadillos de nocilla, obradoiros de cometas, poxas de obxectos ou una festa 1912 para celebrar o ano novo.
4. Sugar Pot. Non hai dúbida: os doces experimentan un renacer. E non é que antes non nos gustaran non, pero xa sabedes a que me refiro: a decoración das tortas é xa case unha arte, as cupcakes causan furor e os caramelos parece que xa non son só para os cativos. Sugar Pot Candy Store é unha tenda situada na rúa Ecuador de Vigo que fai as delicias dos nenos e nenas do colexio que teñen enfronte, pero non só. O establecemento atrae a ese colectivo, cada vez máis numeroso, de amantes da repostería creativa. Entre as súas paredes podemos atopar lambetadas de todo tipo e ingredientes e instrumentais para cupcakes, galletas e tortas.
3. Disquelugares, tamén en Portugal. Xa sabedes que nos encanta Portugal. Moi pretiño de nós temos Porto, con iniciativas tan interesantes como o Centro Comercial Bombarda. Porque si, os centros comerciais ás veces tamén poden ser cool. Naceu coa idea de dar a coñecer un comercio “alternativo” para o deseño e a nova artesanía portuguesa, e nel podemos atopar, por exemplo, unha tenda de bonsais, un restaurante de cociña urbana, unha tenda de cosméticos bio e mobles de autor de deseño portugués.
A Vida Portugesa é outro dos nosos disquelugares predilectos no país veciño. Situado nunha antiga tenda de tecidos, este establecemento de enormes fiestras ten á venda produtos tradicionais portugueses presentados na súa embalaxe orixinal ou con presentacións inspiradas nelas. Nos seus expositores podemos atopar desde cousas de comer (bombóns e latas de conservas) ata material de oficina e cosméticos.
2. O pracer do almorzo: 5 apetecibles opcións en Compostela. Existen praceres maiores que un almorzo amodo, co arrecendo do café e o teu xornal despregado? Probablemente poucos. Descubrimos 5 saborosas opcións en Santiago para comezar o día do mellor xeito. Practica o brunch no café bar Bicoca, saborea o delicioso café do Tertulia, que serven coroado con debuxos feitos na escuma e reláxate no xardín do Hotel Costa Vella mentres comes unha exquisita torrada.
1. Iniciativas artísticas e gastronomía: a maridaxe perfecta. Arte, música, deseño, gastronomía, deporte e arquitectura nun mesmo espazo: Kuntshalle. O local compostelá non se conforma con ser só unha galería de arte, pretende ser un espazo dinámico no que ofrecer toda unha experiencia estética contemporánea que nos permite apreciar a arte case dun xeito espontáneo, mentres tomamos un café ou escoitamos boa música.
É cousa miña ou A Coruña non é nada retro-cool?
Claro que si! Polka Dots, por exemplo, que está na Coruña, é retro e moi cool. De todos modos, un dos nosos propósitos para 2013 é explorar máis A Coruña.