La Pepita Burger: hamburguesas evolucionadas

La Pepita

La Pepita Burger abriu en abril deste ano, pero o seu éxito é xa abafante. Comprobaralo se te achegas ata esta hamburguesería (situada en Vigo, na rúa Oporto, 15) un venres ou sábado. As mesas cheas, os camareiros un pouquiño agoniados e moito ruído e algarabía.

Quizais demasiado, porque a miña primeira experiencia nela foi máis que negativa. Se non estades de acordo co que leades de aquí en diante, podedes achacalo á miña sede de vinganza. A primeira vez que fun alí a cear, tras esperar -como todas as demais mesas- 40 minutos pola hamburguesa, descubrín que a miña camareira tivera un “fallo informático” consistente, ao parecer, en esquecerse de anotar o pedido.

Preguntarédevos por que volvín entón. Porque son magnánima, porque todos cometemos erros e porque a idea parecía o suficientemente boa como para merecer unha segunda oportunidade.  E cal é esa idea? Unha hamburguesería con hamburguesas boas e ricas. Sinxela, pero moi pouco vista.

Carne de terneira fresca e do día, ingredientes diversos cos que crear hamburguesas orixinais -desde queixo San Simón ata foie-, pan fresco artesán, patacas tamén naturais… comida de calidade, en definitiva. E o certo é que o padal o nota, nada máis dar un bocado decátaste da diferencia entre esta carne e a doutras hamburgueserías,  aínda que despois o que máis te chame a atención sexa a mestura de ingredientes nas diferentes variantes do menú. A idea, tal e como eles explican é crear un innovador lugar de culto a este delicioso prato, onde revolucionar a hamburguesa tradicional.

Hamburguesería Pepita Burger

De feito, os que non sexan moi amantes da carne de hamburguesa atoparán tamén hamburguesas de salmón fresco, polo, ou vexetal. Entre os entrantes, destacan as ensaladas e a tempura de vexetais.

Os prezos van en consonancia coa calidade do prato. As hamburguesas de 150 gramos roldan os 8 euros, o que resulta un pouco caro tendo en conta que non poñen ningunha guarnición no prato. Pero a pepita sorrentina pareceume deliciosa (podedes ver as distintas variedades no menú da súa páxina web), así coma o brownie de chocolate -liquidiño como me gusta- de sobremesa.

O lugar, sen deixar de ser unha ruidosa hamburguesería, tamén resulta bastante cool na súa decoración. Estilo industrial con diferentes elementos recuperados, raís metálicos no teito e papel pintado no cuarto de baño.

Sen dúbida, un lugar a ter en conta para os que queiran comprobar que comer hamburguesas de calidade non é un oxímoro. Se sodes pouco pacientes recomendo, iso si, non ir en fin de semana e hora punta. Unha boa alternativa pode ser ir buscar as hamburguesas para levar -podes chamar e despois ir a recollelas no momento indicado-.

Fotos | La Pepita Burger

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *