Ai, o verán, o verán. Gústanos botalo en falta, estar na metade de xullo e vivir con sensación de marzo, mirar ao ceo gris e rosmar que vai frío, que isto non é verán, que o ano que vén emigraremos ao Algarve. Pero quizais esteamos a esaxerar un pouco, non? Porque non teremos verán, pero á que te moves dous metros notas o bochorno sobre ti, empezas a suar e o único que queres e tomar algunha bebida refrescante. Un café?
Si, moitos de vós tomaredes o clásico café con xeo. E para vós precisamente vai este artigo-oportunidade-para-ser-cool. Se non vos gusta o café ou, coma min, o café frío lémbravos a cando deixades a cunca moito tempo sobre a mesa mentres traballades e pasa de ser pracer a pura dose anti-mono, seredes un pouco menos cool. Ou sufriredes máis tentando selo.
Todo isto para dicirvos que o café con xeo é cool? Non, amigos, como ben sabedes, o café con xeo está demasiado estendido como para que calquera hipster o poida reivindicar. Pero, que tal dicir que é un café feito con auga fría? Sábeno en Nova York, está a chegar a Londres, e non sabemos se é unha moda que merece importarse. Pero hai quen di que ata sabe ben!
Os seus defensores aseguran que o café feito en auga fría (en Estados Unidos xa se vende embotellado, pero podes tamén preparalo na casa) é menos ácido, máis concentrado e cun sabor algo máis suave que o normal. Pero tamén hai que ter en conta que o “normal” en Estados Unidos é o café de filtro e gota, con demasiada auga para os gustos europeos.
O seu compoñente cool definitivo, non obstante, é o sustentable e ecolóxico e de calidade. Todas as marcas e tendas que se están adicando a ofrecer este tipo de café, aínda lonxe das malvadas multinacionais, defenden que o fabrican cos mellores grans: todo moi comercio xusto, orgánico, reciclable e amigo do medio ambiente. Lonxe de Nespressos e Starbucks.
O do café feito en auga fría non é nada novo (podemos imaxinar a adictos ao café que quedan se gas e deciden saciar o mono con auga fría hai séculos!), pero non foi adoptado polos hipsters máis influíntes, os de Nova York, ata hai menos dun ano. A chegada da tendencia a Londres foi salientada onte no diario The Guardian (e o ano pasado o noso admirado e amado Comidista falou del!). Non sabemos se está bo, pero polo menos o packaging das botellas é decididamente cool. Esta noite deixaremos unha xarra en preparación.
E non dades ningunha pista de como preparalo??
(e que conste que a min non me gusta o café ;)
A receita que propón El Comidista:
– 110 gramos de café natural pouco molido
– 1 litro de auga filtrada ou natural
Poñemos o café nun recipiente grande, engadimos auga a temperatura ambiente. Dámoslle voltas con culler de madeira ata que non haxa grumos. Deixamos repousar entre 12 e 16 horas, colamos cun paño ou colador de tea e listo. Aguanta no frigorífico catro semanas.
Graciñas Ana!!! Leesme a mente….digo en canto ao tempo e o cafe encantame e o xelado de café boisimo, e o capuchino xeado…. e o flan de café e non sigo que me perdo!!
Tamen sigo O Comidista!!! Je je