De compras por Valença do Miño

Valença do Miño é, para todos os que vivimos no sur de Galicia, sinónimo de manteis, sabas e toallas varias. Tanto ten que os prezos hoxe por hoxe non fagan compensar o gasto en gasolina, todos recordamos aquelas excursións da nosa infancia -Valença era un destino recorrente- e cando un ten libre o mércores, poucas cousas parecen mellores que visitar a súa feira semanal.

Valença do MiñoPorque a feira de Valença, con máis de 350 postos, é a máis grande de Portugal, e sen dúbida, un lugar onde pasar unha mañá ben divertida. Roupa, complementos, textís e accesorios para o fogar, pequeno mobiliario, e ata quincalla artesá. Haberá quen considere que unha feira destas características non pode entrar no cualificativo de cool pero nós sabemos que se equivocan. Así que recomendamos acudir algún mércores (e agora tamén o primeiro domingo de cada mes) e ruar entre os postos.

Pero Valença é algo máis que a súa feira; a fortaleza está chea de pequenas tendas onde comprar panos brancos para a cociña decorados con galos, batatoallas de Dora a exploradora,  cortinas de ducha de ilustradores ou vestidos de Malahierba. E é que as últimas veces que teño ido a Valença do Miño atopei pequenas xoias, como unha tenda de decoración chamada Best Selling onde había cortinas de ducha ou alfombras con ilustracións de Anna Llenas (que me chifran). Alí tamén vendían produtos de enxoval modernos (cores brillantes, aspecto plasticoso) ou produtos de inspiración xaponesa para nenas.

Outra tenda a ter en conta na fortaleza é The house of chic & cheap, que de de cheap non ten moito, pero de chic bastante. Trátase dunha pequena tenda rexentada por dous vigueses, e onde podemos atopar roupa de chico e chica de marcas coma Malahierba, Kling ou Gio Goi. Non é que teñan moita variedade, pero si cousas interesantes.

Por último, nalgunhas boutiques de roupa de aspecto nada sofisticado venden marcas coma Naf Naf, Only, ou Jack & Jones , a prezos un pouquiño máis baixos que nas tendas de Vigo.

Unha chea de razóns para ir de excursión a Valença esta finde!

Foto | Diego Pino García

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *