Cando o teu DIY non queda como na foto de Pinterest (queda peor!)

O boom do DIY está a facernos moi felices. Podemos pasar horas en Pinterest ou visitando blogs, seleccionando proxectos de decoración que algún día faremos para a casa, anotando receitas de cupcakes e gardando ideas para converter eses pantalóns vellos en algo de novo cool. Pero esas fotos tan bonitiñas, tan doces, con esa sensación de facilidade e esas letras escritas a man que habitan Pinterest teñen tamén un efecto secundario: a frustración. Porque que pasa se te pos mans á obra e o resultado non se parece en nada á foto?

Tranquilos! Non estades sós. A non ser que sexades xente desa con habilidade para os traballos manuais, o máis normal é que o voso DIY remate en desastre. Ou en algo moi distinto ao previsto. Se de pequeno non sacabas boa nota en plástica, por que ías agora a ser quen de facer manualidades? Pero iso non significa que debas deixar de intentalo. Podes ata montar un blog sobre o tema, como fixo Sonja Foust, aka Pintester.

Sonja Foust, ademais de adicarse a escribir novelas románticas (ten varias publicadas), ten o problema que temos moitos de nós: paixón polo DIY, excesiva confianza nas súas propias habilidades manuais, e facilidade para crer que cando eses magos do DIY din que algo é “fácil”, refírense a que ata nós poderíamos facelo. Pero Sonja Foust non se rende e, proxecto tras proxecto, vai intentando cousas que ve en Pinterest e publicando proceso e resultados, de forma bastante hilarante, no seu blog Pintester.

Pero ela non é a única. Existe outro recuncho na rede para manualidades e proxectos DIY que quedaron lonxe do que querían ser: trátase de CraftFail, onde quen queira pode publicar os seus fracasos no mundo das habilidades manuais. Sempre con foto do modelo que queríamos alcanzar e con imaxes do proceso e do resultado fracasado. Hai algúns realmente fascinantes.

A conclusión final pode ser a que queirades. Haberá quen decida non intentar xa nada ante o risco de que, despois de tanto traballo, o resultado sexa similar aos que mostran estes blogs. Haberá que se sinta animado, quen pense que efectivamente fallar é humano e que non todos temos o don de crear cousas fermosas coas mans, pero que segue a ser divertido.

Por suposto, aos que o intentades e fracasades, animámosvos a compartir os vosos “craftfails” connosco!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *