Durme como un hámster

Estamos ante o experimento dun decorador tarado ou ante o último dos hoteis que un debe incluír na lista de ‘teño que durmir aquí antes de cumprir os xx’? Se algunha vez te preguntaches o que sentía o teu hámster dando voltas pola roda estás de noraboa: un hotel en Nantes  permitirá que o descubras de primeira man. Chámase La Villa Hamster e reproduce na súa decoración o interior dunha gaiola dun deses roedores.

La Villa Hamster é un dos hoteis de Un coin chez soi, unha sorte de cadea de establecementos con encanto e moi diferentes no norte de Francia. Teñen dende a que podería ser a casa do capitán Nemo ou un espazo adicado ás lambonadas (tamén en Nantes) ata un faro na costa. Todos responden ao mesmo criterio: facer espazos únicos para pasar a noite, cunha temática que os conexione e que lle dea un aspecto único.

O seu creador Yann Flaqhero estivo polo 2006 en San Francisco, onde se aloxou nun hotel con cuartos temáticos. Cando volveu a Francia, chegou coa idea de facer algo semellante aínda que Un coin chez soi vai un pouco máis alá. O hotel con habitacións temáticas quédase pequeno para explicar o que fan na súa rede de hoteis.

No caso da Villa Hamster, quen reserve o lugar para pasar a noite atopará unha pequena casiña de 16 metros cadrados, cunha cociña equipada (e cereais bio para o almorzo, cun auténtico aire a penso para roedores), unha gaiola suspendida que se converte en cama ou un baño cun WC con sorpresa (susto: o incauto atopa unha caixa como as que teñen estes animais; aínda que non hai que desesperar que tamén hai un baño normal). Pero sobre todo hai unha roda xigantesca na que dar voltas como un hámster. 

O hotel está preto da estación de tren de Nantes e custa 109 euros por cada noite. No caso de que se alugue o fin de semana completo sae por 180. No prezo está incluído parte do almorzo, con bebidas quentes e zume de laranxa.

Fotos | Facebook oficial 

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *