En Disquecool gústannos moito os hoteis con personalidade. Xa falamos aquí do hotel para durmir como un hamster ou do barco ecohostel de Gante, e o certo é que son opcións que fan falla. Porque non hai nada máis triste que eses hoteis, todos iguais, que ben poderías estar en Pequín ou en Madrid. Eses hoteis cunha flor no escritorio, cunha cadeira diante da fiestra, con paisaxes nas paredes. Eses hoteis decorados en gris ou beige, e sen ningún tipo de concesión á cor. Eses hoteis de cadea dos que falan os escritores postmodernos, dos que cantan os músicos cando están deprimidos. Ai, co bonito que é viaxar é che rompen ese estado de absorción nada máis entrar na anódina recepción.
Se un hotel con personalidade é sempre unha boa idea, moito máis se elixe o símbolo cool por excelencia dos últimos tempos: o bigote. É o caso do hostel Bon Moustache, que se sitúa na número 33 da rúa Girona na cidade de Barcelona. É un albergue pequeno, con só 35 camas repartidas en dúas habitacións compartidas e unha privada. Puxérono en marcha Isabel e Javier hai so ano e medio, e está a recoller moito entusiasmo pola súa atmosfera acolledora e apracible.
Por que un albergue simbolizado polo bigote? Isabel explica que lles parecía simpático, actual e á moda, e que ademais se asociaron co colectivo Bon Moustache, un movemento artístico alemán no que atopamos música electrónica, fotografía, ou cine e que tamén teñen unha marca de roupa protagonizada, como non podía ser menos, polo estampado de bigote. No albergue o moustache está presente pero sen estridencias: un enorme bigote na recepción ou na sala de estar, fotos de bigotudos nos baños, un cartel que nos recorda que o fogar é onde o noso moustache está… e algo que me encanta: bigotes falsos en recepción para que a xente se faga fotos con eles.
Máis alá do tema dos bigotes, o albergue quere apostar pola calor no trato e por unha decoración sinxela e moderna: “Dado que o prezo é un pouco máis elevado (as camas do dormitorio compartido roldan os 25 euros, aínda que depende das datas) a maioría dos clientes queren un sitio onde sentirse tranquilos, coma en casa. Trátase de verdadeiros viaxeiros, que queren coñecer a cidade e non só saír de festa. Ademais, o hostel é pequeno e os recepcionistas somos todos amigos, polo que o trato que temos co cliente e moito máis próximo“, explica Isabel. De feito, en Bon Moustache sempre están dispostos a axudarte a atopar a “verdadeira” Barcelona, con recomendacións de concertos,exposicións, restaurantes e bares. E ademais, os fanáticos do bigote poden atopar alí unha pequena tenda cos produtos da marca Bon Moustache.