A Nave de Vidán, comida nun entorno post industrial en Compostela

A nave de Vidán

Foi unha longa peregrinación, iso é certo, porque para ir fomos andando e para volver perdemos o autobús urbano. Pero percorrer os – segundo Google – 18 minutos – pero segundo os nosos móbiles – media hora de paseo lixeiro que nos levou chegar ata A Nave de Vidán pagou a pena. O local mestura nun único espazo sala de concertos, zona cultural, restaurante e café no que antes eran as naves para almacenar dunha ferretería, Villaverde, que estaban abandonadas dende finais dos anos 90.

A Nave de VidánA decoración interior ten un aspecto post industrial, xa que se conservaron os teitos altos, moi altos, das naves. A pesar do seu uso orixinal, o local é moi luminoso, con luz entrando tanto por algúns lucernarios no teito como polas enormes portas da entrada. Por se fallan tamén hai unhas inmensas lámpadas de deseño atractivo. Iso e o uso de madeiras de tons claros fai que o aspecto final estea cheo de luz. A nave de Vidán abriu as súas portas no mes de maio, así que todo está aínda moi novo e con ese toque de estrea dos primeiros días.

A comida – que ao final é o máis importante cando vas a un lugar destas características – está bastante boa. A primeira impresión, que chegou co pan, foi sobresaínte: o boliño estaba especialmente saboroso, sobre todo tendo en conta que ultimamente todos os restaurantes están comezando a rebaixar a calidade do pan que ofertan (como se non fose importante o que se molla na salsa). A segunda impresión, a cantidade do que chega no prato, foi tamén moi boa. O sabor era excelente e a atención foi moi boa (non foi a propósito pero puxemos en práctica o modelo de cliente de restaurante repugnante que precisa que lle refagan o prato: non só o fixeron sen problemas senón que ofreceron rapidamente unha alternativa de presentación para que esa carne non moi feita que causaba os problemas o estivera).

A Nave de Vidán ofrece menú e comida á carta. O menú semellaba ter moi boa pinta e non era moi caro (12 euros por un menú do día bastante imaxinativo e que cambia cada día). A carta ten produtos de mercado e fai que a comida suba de prezo, aínda que hai opcións variadas para axustarse a todos os petos. Aínda así – e tendo en conta o tipo de local, a oferta e o resultado final – non nos atopamos ante unha carta especialmente cara. Non probamos as sobremesas, porque xa non podíamos máis, pero os nomes e as propostas eran bastante suxerintes.

Abren todos os días dende primeira hora da mañá (tamén se pode almorzar e, aínda que a nós chegounos o ruxe ruxe de que ofertan ou van ofertar brunch, nada confirmamos coa carta) e poñen en Facebook e en Twitter o menú que terán ese día.

A nave de Vidán está na Avenida Mestra Victoria Miguez, 44, no barrio de Vidán de Santiago.

Fotos | Destacado: A nave de Vidán, Facebook | Disquecool

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *