O centro comercial máis cool está en Porto

Centro Comercial Bombarda

A priori, centro comercial cool parece un exemplo perfecto de oxímoro co que ilustrar os libros de texto. Os centros comerciais son eses lugares fríos e impersoais que concentran as tendas máis exitosas (a saber: imperio Inditex) e nos vellos tempos, familias, mocidade e xente en xeral desexosa de pasar unha tarde de choiva a bo resgardo. Nada teñen que ver, pois, con algo moderno, exclusivo, diferente ou en resumo, e entrando en terreo esvaradío, cool.

Ata que un chega ao Centro Comercial Bombarda, en Porto, e quere ficar alí para sempre. Pasear entre esas 23 tendas, cada unha coa súa personalidade, cada unha co seu encanto. Gastar, gastar, gastar, ata entrar en bancarrota. Mirar os escaparates, probar vestidos de segunda man, ollar os pósters dos teus filmes favoritos, admirar un xardín de bonsais… por que é que o Centro Comercial Bombarda mola tanto?

O Centro Comercial Bombarda abriu as súas portas en 2007 cun obxectivo claro: dar a coñecer un comercio “alternativo” para o deseño e a nova artesanía portuguesa e deixar atrás a idea de que os produtos que veñen de fóra son mellores. Abriu no lugar adecuado, o barrio de moda en Porto: a rúa Miguel Bombarda e arredores. Que hai alí? A maior concentración de galerías de arte da cidade (que seis sábados ao ano fan unha interesante iniciativa: a inauguración simultánea de exposicións, con actividades nas propias galerías e na rúa), un montón de tendas de moda e deseño (caras carísimas, iso si), onde se realizan workshops e miniconcertos  ou sitios ben chulos para comer e beber.

Pero volvamos ao interior do Centro Comercial Bombarda. Alí atoparemos, por exemplo, unha tenda de bonsais na terraza, un restaurante de “cociña urbana” decorado con bo gusto étnico, unha tenda de produtos de cosmética biolóxicos, outra con todo tipo de tés, outras con mobles de autor de deseño (case) 100% portugués, varias de roupa ou un sitio de tatuaxes con ilustracións fantásticas. O mellor? Posiblemente Zareca’s Story, unha tenda con roupa vintage de segunda man onde si se poden atopar prendas doutra época, moi especiais e a prezos alcanzables.

O Centro Comercial Bombarda está situado no número 282 da rúa Miguel Bombarda e abre entre as 12:00 e as 20:00 horas, de luns a sábado.

Shares

    10 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *