5 plans naturais para a fin do outono

Outono

Agora que chove, vai frío e o días acaban sobre as seis da tarde, parece que pouco máis podemos facer que tomar chocolate con churros, ver pelis baixo a manta e esperar a que acabe o período de hibernación. Pero ai, aínda quedan cinco longos meses de tempada baixa por diante, así que quizais compense coller un bo impermeable, botas de montaña e lanzarse á conquista da natureza. Non esquezamos que o outono é ese mes que nos deixa paisaxes belísimas de bosques multicores, ríos salvaxes e néboas máxicas.

As posibilidades que ofrece Galicia para gozar da natureza outonal son moitas e moi variadas. Por exemplo, estes cinco plans son ideais para o mes de novembro.

1. Recollida de setas

A recollida de setas é algo que só se pode facer en outono (unha estación moi gastronómica, por outro lado) e que xunta dúas cousas que nos encantan: conseguir os nosos propios alimentos, cal homes primitivos cazadores recolectores, e facelo paseando por eses bosques de soño de tonalidades amarelo-vermellas-alaranxadas.

E se temes acabar na UCI completamente envelenado, podes pedir axuda a unha agrupación micolóxica como A Zarrota, en Vigo, que todos os luns ata o 17 de decembro, ofrecen a posibilidade de levar as túas setas recollidas na fin de semana para consultar as características das diversas especies. Tamén teñen saídas programadas para recoller setas en grupo.

2. Magosto

Aínda que o magosto se celebra tradicionalmente entre o 15 de outubro e o 11 de novembro, podemos atrasalo uns días e aínda gozar das castañas na súa época de esplendor. Trátase dun plan ideal para facer con nenos e consiste simplemente en ir ao monte, recoller castañas e leña, facer unha fogueira onde asar os froitos secos, e degustalos. Pódese levar máis comida e facer todo un picnic.

3. Baño nas termas

Na provincia de Ourense hai varios sitios onde podemos atopar augas de manancial mineralizadas e quentes de forma natural, que son unha auténtica delicia en inverno, cando vai frío no exterior. Unha boa maneira de relaxarse (ou de loitar contra o reuma) . Na cidade de Ourense, as termas de Outeriz son públicas (e gratuítas), con varias pozas de auga quente (60ºC) e fría.

4. Paseos polo bosque

Calquera paseo por uha fraga con árbores caducifolias será unha auténtica marabilla nesta época don ano: castiñeiros, faias, … algúns dos bosques máis bonitos para percorrer son o de A Rogueira, en Serra do Caurel, onde podemos atopar desde rebolos, carballos e castiñeiros, ata o maior bosque de faias de Galicia; a fraga de Catasós, en Lalín, onde atopamos os castiñeiros máis altos de Europa -ademais do pazo dos pazos de Ulloa-, ou as míticas Fragas do Eume, parque natural e un dos mellores representantes de bosque atlántico.

5. Rafting

En outonos chuviosos (como está a ser este) os ríos levan  caudal abundante para que facer rafting sexa aínda máis emocionante (e en ríos como o Deza ou o Tambre é só a partires de outono que é posible practicar este deporte), pero é que ademais, sae moito máis barato que en verán, pois a maioría das empresas de turismo activo sacan ofertas para facer rafting e outros deportes de aventura. Bota un ollo en Arrepions, Viajes Tambre ou Galicia aventura, entre outros.

Outro plan perfecto para o outono sería facer unha excursión ás Illas Cíes (a que coñecemos máis ben na súa faceta estival), pero aínda que a Asociación de oceanógrafos de Galicia propuña roteiros guiados nas Illas Cíes para o 24 de novembro, as prazas xa están esgotadas. A ver se se animan a facer máis, porque só costaba 5 euros!

 Foto | Mark Turnauckas

Shares

    1 comentario

    • Mol di:

      Warning!: os plans 1 e 4 son sempre recomendables, pero ollo nos xoves, domingos e festivos á presenza nos arredores de paseantes armados que nos poidan confundir cun xabarín. O monte é de todos, pero seica máis duns que doutros.

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *