A Lisboa máis cool en 5 pasos

Estamos tan preto de Porto e tan fascinadas pola cidade que moitas veces esquecemos ir un pouco máis alá. Seguir baixando ata a capital non é tan difícil coma na nosa imaxinación, que aínda compara a viaxe en coche coa de ir a Madrid. A de ir a Madrid de nenos, claro, cando eran oito horas de estrada e bocata de xamón en A Cañiza e parada en Tordesillas ou Medina del Campo a comer e chegar á capital do reino cando empezaba a escurecer e ver a cidade ao saír do túnel. Ir a Lisboa son 4 horas e media en coche, 5 facendo un par de paradas. (Ao igual que Madrid agora no futuro).

E se Porto é cool, se todo Portugal por extensión tamén o é, como non o ía ser tamén a capital, multiplicado por Pessoa que enche as rúas de pantasmas, por eses graos extra coa brisa do río, por tranvías e elevadores? En realidade basta con pasear por Lisboa para atoparse con sorpresas modernas desas que nos fan suspirar que por que nós non molamos tanto como os portugueses, pero se queres unha serie de destinos fixos para a túa próxima viaxe, aquí vai a nosa visión da Lisboa máis cool en 5 pasos.

1. Mercado da Ribeira

Mercado da Ribeira

O que pasou aquí é algo moi raro. O que toda a vida fora o mercado de alimentos máis importante de Lisboa, aberto en 1892 e con postos que ofrecen desde peixe e vexetais frescos, ata queixo, pan e todo o que esperas atopar nun mercado tradicional, deu un xiro en 2014. O mercado pasou a estar xestionado por Time Out Lisboa (si, a revista, cando xestionaremos en Disquecool un mercado?) que, ademais da parte tradicional, converteu o espazo central da planta baixa nun lugar no que comer. Con mesas e cadeiras e capacidade para 500 persoas, quen queira pode mercar comida nos postos que o rodean: peixe, bolos, pizzas, marisco, café, cousas doces…

2. LX Factory

LX Factory

Ao entrar en LX Factory sentín que entraba nalgún deses lugares de Berlín nos que as fábricas antigas son agora espazos de arte e deseño.O que no século XIX era a zona lisboeta da industria téxtil, baixo a ponte de Alcántara, é hoxe un distrito que fará feliz a calquera hipster.

LX Factoy

Unhas poucas rúas cheas de tendas como a librería Ler Devagar (no lugar onde antes había unha imprenta, que mantén unha das máquinas), varios lugares nos que comer ou tomar un café, tendas de deseño e roupa, e ata a xente de Rutz, unha marca de calzado feito con cortiza da que fiquei namorada.

3. Tell A Story

Tell A Story

Ler Devagar é unha librería moi bonita e impresionante, co seu pasado industrial e os andeis de varios metros de altura, pero Tell A Story é se cadra máis especial. Unha librería situada nunha pequena furgoneta, na que venden só libros de autores portugueses traducidos a distintos idiomas. A idea é dar a coñecer a literatura do país aos seus turistas e visitantes, e ao marchar sobre rodas poden moverse de praza en praza -aínda que moitas veces están en Príncipe Real. Organizan tamén paseos turísticos literarios que desde Disquecool recomendamos encarecidamente.

4. Embaixada

EmbaixadaTamén na zona de Príncipe Real, Embaixada é un deses centros comerciais cool que hai en Portugal, este situado no Palacete Ribeiro de Cunha, un impresionante edificio de arquitectura neo-morisca construído a comezos do século XIX. Dentro atoparás unha especie de paraíso do deseño portugués, con tendas de cousas de todo tipo (desde roupa ata mobles, pasando, claro, polos azulexos), cunha mestura de innovación e tradición.

Hai sempre tamén exposicións de arte temporais e un restaurante. As escaleiras son dignas de facerse unha foto nelas imaxinando que imos a un baile en palacio, xa veredes.

5. Pharmarcia. Na praza onde está o Miradouro de Santa Catarina (que, segundo a nosa guía de Tell A Story, hai moita xente de Lisboa que non coñece), está tamén edificio do Museo da Farmacia de Lisboa. E nese edificio hai un restaurante ao que só podemos calificar de orixinal: todo xira arredor do concepto farmacéutico: unha decoración inspirada polas farmacias antigas, cócteles con nomes como “Ibuprofeno” ou “Omeprazol” e vasos e botellas de laboratorio para servir as bebidas. En teoría os camareiros van con bata branca, pero non foi así cando estivemos nós. A comida está moi boa e, se estás na terraza (recomendámola, é como estar no mirador)  e empeza a refrescar, podes pedir unha manta.

Fotos | Disquecool

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *