Os 10 mellores libros da literatura portuguesa

Literatura portuguesa

Non é a primeira vez que falamos aquí do descoñecida que é, para a maioría de nós, unha literatura tan próxima como a portuguesa. E iso que contamos coa vantaxe de non precisar de traducións (porque o certo é que está menos traducida do que debería). E iso que para os do sur de Galicia, Portugal é case unha provincia máis do país. Para corrixir esa realidade, propoñemos aquí unha lista prepotente como hai poucas. Nunca é posible elixir os mellores libros, sempre é castigar ao esquecemento a títulos que merecían estar alí tanto como outros. O que si podemos asegurar, é que aquí van 10 libros portugueses que paga a pena ler, que percorren diferentes épocas e xéneros, pero que teñen en común a súa enorme calidade.

A orixe desta lista está nunha viaxe recente a Lisboa, unha cidade que ten moito de literaria, e na que podes atopar, ademais dun montón de esculturas de Pessoa, a librería máis antiga do mundo aínda en funcionamento. Tamén podes atopar alí as moi recomendables visitas guiadas de Teresa Jorge Ferreira nas que vagas pola cidade seguindo as pisadas de catro ilustres escritores: Camões, Eça de Queirós, Pessoa, Saramago. Foi a ela -que ademais forma parte da librería ambulante Tell a story, que vende literatura portuguesa traducida aos turistas, unha idea que alguén debería probar en Galicia- quen nos propuxo estes 10 títulos imprescindibles das letras portuguesas, que xa publicamos a semana pasada en Librópatas.

1. Luís de Camões: Poesía

Luís de Camões é quizais o escritor máis relevante da literatura portuguesa, un autor do século XVI profundamente renacentista, pero que na súa obra anuncia xa a chegada do barroco. É coñecido sobre todo pola epopea en verso ‘Os Lusíadas‘ onde se serve do descubrimento da ruta á India por Vasco de Gama para falar da historia do pobo portugués. Pero é tamén moi recomendable a súa obra lírica, onde salientan os poemas de amor.

2. Almeida Garrett: Viagens na minha terra

‘Viagens na minha terra’ é unha obra singular na que o romántico Garret mestura a literatura de viaxes (de Lisboa a Santarem) coa ficción novelesca. Pola mestura de xéneros, pero tamén de estilos y rexistros, considerase este libro como o punto de partida da moderna prosa portuguesa.

3. Eça de Queirós: Os Maias

‘Os Maias’ conta o deterioro dunha gran familia portuguesa ao longo de tres xeracións, cun achegamento realista, psicolóxico e , determinista (tal e como se levaba na época, a finais do século XIX) que inclúe certos toques de ironía e sarcasmo.

4. Fernando Pessoa: Ficções do interlúdio (Fernando Pessoa, Alberto Caeiro, Álvaro de Campos e Ricardo Reis)

Trátase dunha antoloxía Se trata de una antoloxía da poesía de Pessoa, que inclúe tanto a escrita baixo o seu nome como a de algúns dos heterónimos máis relevantes: Alberto Caeiro, Álvaro de Campos e Ricardo Reis. Unha boa proposta para achegarse á obra poética do misterioso autor luso.

5. Fernando Pessoa: Livro do desassossego (Bernardo Soares)

En realidade, este libro, o máis importante de Pessoa en prosa, é obra doutro dos seus heterónimos (neste caso semiheterónimo): Bernardo Soares. Compila fragmentos de diarios, aforismos e divagacións diversas sobre temas cotiás ou existencialistas, sempre co característico estilo melancólico e lúcido do poeta.

6. Sophia de Mello Breyner Andresen: Poesía

Sophia de Mello foi unha dos poetas portugueses máis importantes do século XX, e a súa poesía caracterizase pola contención e a elipse, sen por iso sacrificar a intensidade.

7. José Saramago: Memorial do convento

O único premio Nobel portugués saltou á fama con esta novela que utiliza como escusa a construción do convento de Mafra no século XVII para contar as duras condicións da xente corrente nesa época.

8. Agustina Bessa-Luís: A sibila

A protagonista desta epopea rural, a sibila, é Quina, sen ningún poder sobrenatural, pero lúcida e práctica, quen ten que salvar a súa casa da bancarrota. Contásenos a súa historia, do nacemento á morte, pero non de forma lineal, senón saltando aquí e acolá ao longo de máis , a través de tres xeracións da súa familia.

9. António Lobo Antunes: Livro de crónicas

Compilación dalgunhas das crónicas publicadas polo autor, durante cinco anos, no xornal portugués O Público (entre 1993 e 1998): relatos da vida lisboeta, recordos de infancia, ensaios sobre a soidade ou reflexións sobre outros asuntos cotiás cheos de vida, e afastados do barroquismo que adoita impregnar a súa obra.

10. Gonçalo M. Tavares: Jerusalém

Unha novela perturbadora cunha historia que se desenvolve na madrugada dunha única noite, cando se entrecruzan as vidas de catro personaxes tristes e desesperados.

Shares

    2 comentarios

    • maramdo di:

      Anda que… Dicir que a historia de amor de Baltasar e Blimunda é o relato das duras condicións da época… Menuda reducción! Memorial do convento é bastante máis que unha crónica social ou obreira; é case máis unha novela de ficción ou realismo máxico que, de feito, algo social. E sobre todo é unha historia de amor. Como en outros moitos libros de Saramago, hai moitos niveles de lectura, pero a xente non pode ler Memorial do convento buscando un relato das condicións da época, porque é o mínimo!

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *