O luxo decadente do gran hotel

as escaleiras do gran hotel portadaVaia por diante que facer crítica de algo que está ambientado nos tolos Anos 20 é especialmente complicado para min: penso que de entrada é algo que xa me vai gustar. Flappers, zapatos de punta redondeada e medio tacón, galáns de cine mudo e moita elegancia. Tennis parties, merenda (unha década na que a xente merendaba non pode ser unha mala década) e decadencia. Os anos 20 téñeno todo. E nos anos 20 está ambientada As escaleiras do Gran Hotel, a novela que se fixo con último premio Risco de Creación Literaria (a edición 2013, a 2014 está agora mesmo aberta), asinada por Rubén Martínez Alonso e editada por Sotelo Blanco na colección Medusa.

E si: hai tea parties, vestidos de lamé, rapaza que quere ser moderna e namorado que a ronda.

Estamos no verán de 1928 e Carolina Bárcena chega coa súa avoa (Fernanda con moitos apelidos e viúva de para os demais nesta historia) ao Gran Hotel Balneario de Mondariz, desterrada – máis ou menos – por un confesor que pensa que precisa repouso para quitar todas as parvadas que lle rondan pola cabeza. Catalina, por culpa de ler demasiadas novelas, non quere casar e quere ser unha desas modernas que levan o pelo á garçonne, fuman e van á universidade. A avoa aproveita para levala ao hotel e gozar da tempada, mesturándose con toda a xente de bon ton que está a curarse dos seus males no balneario. E entre a arquitectura modernista, as festas e a misa dos domingos coñecen a xente ben mentres pasan os días previstos, coa gran sorte de que coincidirán co marqués de Estrella. Ou o que é o mesmo, o poderoso presidente do goberno (ou ditador, como lle chamamos hoxe) Primo de Rivera.

Pero Carolina Bárcena ten un segredo. E o segredo chámase Tomás, o fillo dos tendeiros republicanos que estuda en Santiago Medicina e do que xa sabemos (así de hábiles somos), que Carolina lle enche o ollo. Tanto como para enganar á súa nai e dicirlle que precisa repoñer a súa saúda coas augas de Mondariz para poder ver a Carolina.

E mentres Tomás e Carolina se encontran nas horas nas que poden escapar ao control da avoa, tropezan cun complot para rematar con Primo de Rivera.

mondariz

Á novela sóbranlle un par de cousas, como por exemplo os fragmentos de mitoloxía romana, que se explican ao final do libro no peche pero que poderían ser prescindibles (tanto como para saltalos na lectura e que non pase nada, a pesar das explicacións metafísicas e modernas que lle dan na contraportada) ou algúns datos sobre o funcionamento do Gran Hotel que son moi interesantes, si, pero que lle dan ao principio da novela un ton se cadra excesivamente demostrativo (se cadra toda esa información podería incorporarse doutro xeito na narración). Por outra banda, tamén se agradecería – como lectora – un pouco máis de detalle á hora de abordar a trama do complot contra Primo de Rivera, que é un conflito co suficiente empaque como para que lle correspondesen máis páxinas e parágrafos da historia.

Pero… deberiades ler As escaleiras do Gran Hotel? Si, deberiades. A novela consegue captar o espírito da época, a vibrante decadencia dos Anos 20. Ese mundo burgués e urbano, que comía “consommé brunoise, ovos en cocotte á perigourdine” e “beefsteak con patacas chips”, bailaba ao ritmo das jazz band e que sempre queda – con sorte – como unha nota á pé de páxina (e tan esquecido na nosa narrativa histórica a pesar do seu potencial para crear historias e para dar pé a best sellers que levar á praia ou – se cadra mellor – nos que refuxiarse nas tardes de frío, choiva, café e mantiña). Esta historia é unha fiestra aberta a ese mundo decadente e perdido, nin mellor nin peor, só distinto e lixeiramente fascinante. É unha historia para recuperar a historia perdida do tan vintage Balneario de Mondariz (que merece unhas cantas novelas máis…Ten ata un arquitecto que rompeu os deseños das incribles escaleiras para que ninguén as puidera copiar!! ) e ese pasado con tanto poder literario da Galicia das augas.

Foto Balneario de Mondariz

Shares

1 comentario

  • Juan Racha di:

    Facendome crítico da crítica que acabo de ler, eu diría que non lle sobra ren no escrito, pero estou de acordo con que o intento de atentado sobre Primo de Rivera, puido estenderse un chisquiño mais, eh chaval…?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará