Ciranda, unha libraría para achegarse ás letras en portugués

Ciranda

Cando se trata de prexuízos, os nenos son quen menos teñen. Para eles, un libro en portugués é simplemente un libro como outro calquera, unha porta máis para descubrir novas historias, que está escrito en algo que se parece moito ao que falan. Fanse coas cousas máis complicadas ou máis diferentes e logo fan o esforzo de ler noutra lingua, intentando entendelo todo e gozando porque conseguiron a chave para aínda máis libros. Sobre os escasos prexuízos lectores (e as poucas voltas que lle dan a por que ler ou non en portugués) dos nenos falamos, entre outras cousas, unha tarde de verán cos responsables da librería Ciranda, que nos puxeron nas mans uns cantos volumes de Planeta Tangerina, unha editorial de literatura infantil portuguesa e unha das que eles venden. E si, así entendemos que os nenos se vexan seducidos por esas novas historias.

A libraría Ciranda é un dos lugares en Santiago nos que se poden mercar libros en portugués (para os de fóra de Santiago sempre queda a escapada – un libro non merece menos – ou a tenda online) e, posiblemente, sexa un dos especiais, posto que o que venden é unicamente libros nesa lingua. “Hai unha demanda continua”, apuntan cando lles preguntamos se o libro en portugués interesa aos santiagueses.

Posiblemente a seguinte pregunta sexa demasiado evidente. Ou clásica. Hai que ser lusista para ler libros en portugués? Seguramente sexa a pregunta máis habitual que lles fan aos responsables de Ciranda (e a máis tópica). Preguntámoslles quen le libros en portugués en Compostela e explícannos que moita xente o fai e que eses lectores son de perfís do máis diverso. “Coa crise, moita xente precisa aprender portugués por cuestións de traballo ”, apuntan, o que ten un efecto inmediato en como – ou que – se le. Pero por suposto non só len en portugués quen queren poñer a lingua do país veciño no currículo, tamén hai un público diverso de “estudantes, profesores, xente de clubs de lectura” e outros. “Chega xente que ven directamente por libros en portugués”.

É que ler en portugués, obxectivamente falando, non parece tan complicado cando se é un falante dunha lingua latina tan próxima como é o galego. Dende Ciranda confirman as nosas sospeitas. Ler en portugués só require vontade e mesmo non sendo galego falante resulta fácil lanzarse a ler directamente na lingua do país veciño. Hai que familiarizarse coas cousas máis diferentes e perder o medo.

E unha vez que xa se está convencido para dar o salto á lectura en lingua portuguesa chega a parte máis difícil: escoller que se vai ler. Ciranda non é unha librería inmensa, desas que ocupan moitas plantas e teñen moitas (e moi agobiantes) estanterías cheas de libros. De feito, comparten espazo coa libraría Lila de Lilith (especializada en libros de mulleres ou de temática feminista). Pero iso non impide que teñan un pouco de todo e que podan cubrir practicamente todos os intereses lectores. Hai libros para nenos, banda deseñada, ensaio…  E si, tamén teñen best-sellers (fixemos a proba de fogo e ensináronnos unha edición en portugués de Dan Brown).

ciranda 2

A libraría intenta cubrir todos os xéneros e todas as literaturas. As letras en portugués non son só cousa de Portugal, tamén está a literatura brasileira e as literaturas africanas. Os autores africanos en lingua portuguesa están, de feito, tendo “moito tirón” nestes momentos. Non houbo que insistirlle moito aos responsables de Ciranda para que nos recomendaran algunhas lecturas para comezar coa literatura africana. O angolano Ondjaki (que foi premio Saramago), o tamén angolano Luandino Vieira, a mozambiqueña Lília Momplé ou o angolano José Eduardo Agualusa son algunhas das súas recomendacións.

Ademais contan con autores estranxeiros traducidos ao portugués e, por suposto, libros en galego reintegracionista.

Algo máis que unha libraría

Pero Ciranda, apúntannos, non é só unha libraría. “Non é unha libraría. É unha empresa de servizos culturais”, explican. Todo empezou ao calor de AGAL, de quen herdaron a libraría online. Empezaron facendo cursos de achegamento da lingua portuguesa para os estudantes de Secundaria (“funcionan moi ben”, dinnos), pero non é o único que organizan. Tamén xestionan, por exemplo, cursos de portugués en Portugal en colaboración coa Universidade de Porto, que son un pouco máis especiais – por certo – que o de irse a estudar inglés a Londres. Ademais das clases de sempre e os profesores nativos que todos esperamos neste tipo de cursos, engaden unha lista de actividades culturais que son do máis diversas. Por facer, ata se fan comidas en casas particulares ou visitas ao teatro con charla posterior cos actores. “Non é ir de turista nin de estudante de linguas”, dinnos.

Tamén lles pedimos recomendacións sobre literatura portuguesa contemporánea

Ciranda está na rúa Travesa, 7, na zona vella de Santiago

Fotos Ciranda, À volta do português

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *