As listas de libros que temos que ler son unha das cousas que máis nos gustan. Fan a vida máis sinxela, esa é a verdade, e funcionan case como un reto. E se sumamos que a internet lle gustan máis as listas que un doce, temos a situación perfecta. Sobre todo as listas son unha cousa estupenda cando se está un intentando achegar a unha nova literatura na súa lista de lecturas, ou se quere explorar algo que non coñece moi ben. Pode que iso sexa o que sucede coa literatura portuguesa contemporánea, que non é o que se di moi mainstream entre os medios de comunicación desta parte da Península Ibérica.
E si, pode que Babelia (ese libro de bitácora cultureta – máis ou menos – das letras) lle dedicara ás letras portuguesas un especial este ano polo aniversario da Revolución de Abril, pero o certo é que as mesas de novidades non están ateigadas con traducións (xa non imos entrar na versión orixinal) de libros lusos. Resulta aínda máis sorprendente se se analizan algunhas das relacións entre os xigantes da edición de alí e os de aquí (non, non é unha coincidencia que en Portugal tamén exista Alfaguara).
Así que entre as moitas cousas que preguntamos na nosa visita a Ciranda foi que podíamos ler para iniciarnos na literatura portuguesa contemporánea. E isto foi o que nos dixeron:
– Rui Zink. Escribe ensaio e tamén ficción. En Ciranda explícannos que non é que sexa unha lectura fácil, pero paga a pena facer o esforzo, sobre todo porque está escasamente traducido.
– João Tordo. É un dos escritores novos en lingua portuguesa, un deses que son prometedores. Podedes probar con Anatomía dos mártires. En Ciranda cóntannos (sempre é un incentivo para a lectura) que ten un libro ambientado en Santiago. Titulase Biografía involuntaria dos amantes (e comeza co atropelo dun xabaril nunha estrada galega!, o que se isto fose un tuit levaría o hashtag #must)
– Alexandra Lucas Coelho. É xornalista e escritora e comezou na ficción con A noite roda, unha novela sobre a relación amorosa dunha xornalista catalá e un xornalista belga.
– Golgona Anghel. Non todo vai ser novela. Anghel é poeta e está, segundo nos explican, “revolucionando a poesía portuguesa”. Ser é en realidade rumana, pero vive en Portugal e escribe en lingua portuguesa.
Podes completar esta lista coa que nos recomendaron na libraría ambulante Tell a Story.
Foto Pedro Szekely
Só coñezo a Zink e a Golgona un pouquiño e recoméndoos encarecidamente!