Fenómeno listicle: 7 razóns polas que Internet está cheo de listas

listicle

É ata estraño pensalo. Levamos xa moitos anos en Internet e lendo todo tipo de artigos, xa sexa cousas sisudas en revistas científicas (ah, que non?) ou posts parvos en webs, pero o fenómeno do que falamos hoxe non estivo sempre presente. Eramos quen de ler textos que no titular non tivesen un número, textos nos que a estrutura viña marcada ao modo tradicional, con conectores (lémbraos? aqueles bonitiños “polo tanto”, “sen embargo” ou “ademais”), nos que había que facer un pequeno esforzo intelectual. Pero entón un día, de súpeto, empezamos a ver que os títulos cambiaran. Todo son listas e este novo xénero ten xa ata un nome: listicle (list + article), que poderiamos adaptar en “listigos” (soa raro, si). E nun fermoso exercicio de meta-escritura, esta é unha lista de 7 razóns polas que Internet está chea de listas:

1. Son fáciles de ler. Ou, polo menos, temos a sensación de que son máis fáciles de ler. Temos os puntos, cada un co seu título, e poderíamos sinxelamente quedarnos niso para saber quen son os 5 autores posmodernos que tes que ler ou as 5 tendencias de moda para esta primavera. Non necesitamos profundar, podemos quedar no índice (como en certo exame de Xornalismo, polo menos na nosa época). Se profundamos, iso si, o texto xa pode adoptar calquera tipo de dificultade. Desde o GIF ata a explicación técnica, os listigos non teñen por que ser doados de ler, pero o de ter a estrutura á vista dalgunha forma tranquiliza.

2. Teñen sempre moitas visitas. En Internet, para que negalo, calquera medio que intente vivir da publicidade é escravo da audiencia e dos clicks. E, maldita sexa, as listas son tan agradecidas! Os dous posts máis vistos dos case tres anos de historia de Disquecool? 8 razóns polas que o inverno en Santiago mola e 5 razóns polas que non chorar porque 2013 sexa un ano sen verán, o que indica que está claro que os lectores se senten atraídos por este tipo de artigos (e seica tamén hai certa obsesión coa climatoloxía). Ás veces dá un pouco de rabia que unha lista feita en 15 minutos teña máis éxito que un artigo de investigación no que se inverteron varias semanas, pero así é a vida do xornalista do século XXI.

3. Son fáciles de escribir. Isto non é de todo certo, pero a priori digamos que facer unha lista (coma esta) leva menos tempo que un artigo máis en profundidade. Ou polo menos iso é o que cremos, así que dá menos preguiza lanzarse a eles. Despois, en realidade, son como calquera outro artigo. Non depende tanto da forma como do contido e da profundidade á que cheguemos, así que non creades que todos os textos estruturados así levaron 5 minutos. Ás veces esta deconstrución da realidade en razóns ou feitos ou personaxes Disney é máis complicada do que críamos nun momento.

4. O título xa o di todo. Non hai nin que chegar a ese texto coa estrutura á vista. No título xa sabes que é exactamente que vas atopar no artigo, cal será a tese defendida, de que nos intentarán convencer. Os títulos destes listigos son xa todo un xénero. Entra en Buzzfeed e verás do que estamos a falar. Hoxe temos ’23 situacións incómodas cotiás’, ’11 feitos interesantes de persoas famosas que crerás que son falsos’ ou ’19 razóns polas que Hermione non debería ter casado’.

5. Non nos sentimos mal se as deixamos a medias. Hai algo nos textos escritos en forma de lista que nos fai pensar que son menos valiosos, por iso de non usar conectores e minimizar as oracións subordinadas. Despois, como xa dixemos nos puntos 1 e 3, non ten por que ser necesariamente así, pero a fama é o que conta. E esa fama significa tamén que non haberá remordementos se non lemos a lista enteira. “Total”, pensamos, “o xornalista escribiu isto en 3 minutos”.

6. Non supoñen a morte do xornalismo. Hai moitas voces en contra dos listigos e moitas a favor. Os detractores din que non é máis ca un reflexo da sociedade na que vivimos na que todo é fast, de usar e tirar, na que xa non sabemos pensar e na que non somos quen de manter a atención durante máis de dous minutos seguidos. É a morte do xornalismo! -gritan. Pero como diciamos antes, unha lista é só un formato, un xénero máis, unha nova (non tan nova, isto xa existía na era pre-Internet) forma de organizar a información. Esa información é moitas veces unha parvada, pero noutras ocasións pode estar ben investigada e estar tratada en profundidade. Que sexa máis fácil de entender debería ser visto máis ben como unha especie de democratización. Só hai que saber distinguir o bo do malo, como levamos facendo toda a vida.

7. Poden estar feitas de GIFs. Fai falta algo máis?

yippie

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *