5 autores postmodernos que hai que ler (se un quere quedar ben)

A posibilidade dunha illaA maioría da xente non le libros, iso din a maioría das enquisas.  Aínda así (ou xusto por iso) ler continúa a estar ben visto e un ten que facer verdadeiros esforzos para ocultar que pasou as últimas noites (dos últimos anos) diante do ordenador e sen facer nada máis. Se un finalmente é quen de coller un libro, cómpre que sexa un de certo prestixio, porque de nada sirve ler se  o resto dos teus amigos (post)modernos non respectan o que les ou te acusan de lector de best-sellers. Ata hai poucos anos quedar ben coa cultura literaria esixía ler desde o ‘Ulises’ de Joyce ata ‘A Odisea’ de Homero, pero que non se espalle o pánico, agora o que mola é ler escritores do noso tempo. Que no crean en nada, coma nós.

Como hoxe é o Día do Libro é o mellor momento para de recoñecer que cando un finalmente colle un libro é cando recorda por que lle gustaba tanto (e alá queda abandonado o pobre ordenador, coas series á metade). Tamén é o momento de lembrar as instruccións de ¿Borges? para os lectores, que un ten que ler o que lle pete e xamais acabar os libros por obriga, sempre por pracer. Que un nunca debe ler un libro só porque se supón que hai que facelo.

Sexamos libres nas nosas escollas  literarias, si. Non tedes por que ler a estes 5 autores postmodernos, abonda con que coñezades os seus libros e aseguredes telos lido. Sen embargo, cónstame que miles de persoas coma ti e coma min (xente cool, pois) aseguran ter gozado realmente destes libros. Eu mesma, incluso se son bastante máis moderna que postmoderna (onde estea a paixón que se quite o cinismo) teño pasado moi bos momentos en compaña dalgún destes autores.

Aquí vai unha pequena lista cos mellores escritores postmodernos (para quedar ben nas conversas):

1.  Michel Houllebecq – Se pensas en escritores postmodernos, sen dúbida este nome é o primeiro que se te vén á testa. Coas súas novelas ‘Plataforma’ e ‘A posibilidade dunha illa’ marcou un antes e despois na literatura francesa (e pode que universal), cun característico estilo que despois atopamos ata a saciedade. Polémico, e non so na ficción, retrata con crueza todo tipo de males modernos desde o cinismo (como non ) á distancia, e certa lucidez.

2. Bret Easton Ellis – Tamén cínico, tamén frío e tamén polémico, a súa obra ‘American Psycho’ abriulle as portas do Olimpo da postmodernidade. Todas as súas obras se caracterizan por narrar a decadencia moral das clases altas, e aínda que os libros se len moi ben (un estilo directo e conciso) un acaba un pouco aburrido de tanta vacuidade e nihilismo. Quizais ese sexa o obxectivo.

3. Richard Ford – Collemos folgos cun escritor de ritmo lento, interese polos perdedores, e disgresións constantes. Din que fai unha crónica da América actual, pero do que non cabe dúbida é de que retrata a mediocridade, o que pasa cando non pasa nada, o que normalmente non chama a atención. Non será un autor que faga saltar da emoción, pero si alguén en quen podemos confiar para atopar unha novela consistente e reflexiva.

4. David Foster Wallace – Se algo destaca de Foster Wallace é a súa intelixente ironía, máis aceda pero máis divertida ca dos autores anteriores. Por iso non importa tanto se un non entende moi ben o que se lle está a contar e por iso lle perdoamos o cinismo, o distanciamento e mesmo o amargor, profundo e constante. ‘A broma infinita’ é a súa novela de culto, máis de 1000 páxinas onde o de menos case é o argumento.

5. Jonathan Franzen – Considerado por moitos o mellor novelista americano do momento, é un novelista no sentido clásico (mesmo decimonónico) do término, explora o mundo a través de personaxes cribles, normais, realistas, en proxectos ambiciosos e entusiastas. A súa novela máis aclamada e ‘As correccións’, aínda que eu, polo momento, só podo recomendar ‘Liberdade’.

 

Shares

    3 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *