A guerra en cómic, segundo Joe Sacco

Gorazde Joe SaccoJoe Sacco é, para min, un dos mellores autores de cómic de todos os tempos. Non esperedes pois obxectividade, estamos a falar de amor, pero dun amor xeneroso e nada posesivo. Cando vin que Rinoceronte editara (por primeira vez en galego) dous dos seus cómics imprescindibles: ‘Palestina’ e ‘Gorazde. Zona segura’ souben que quería compartilo co mundo enteiro (ou polo menos, con vós). Porque eses dous son cómics que todos deberiamos ler, polo seu valor intrínseco como cómic, e tamén polo interese do que contan. Dúas historias ben coñecidas grosso modo (o conflito de Gaza, a guerra dos Balcáns), pero nas que, en xeral, pouco sabemos en detalle. Joe Sacco acude en moitas ocasións a eses detalles, ao anecdótico, ao subxectivo, ao persoal, para compor un fresco moito máis vivo que a mellor das crónicas xornalísticas do momento.

E que conste que o noso non foi un amor a primeira vista. A primeira vez que ouvín falar del, souben que me interesaba lelo. Pero cando tiven o libro nas miñas mans, chamoume a atención a súa fealdade. Si,  a de Joe Sacco, quen adoita debuxarse caricaturizado e, en ocasións, rozando o grotesco. Un comprende ben pronto que esa é a súa aposta só no tocante a si mesmo, porque nos libros de Joe Sacco, ademais de sobre o mundo, tamén aprendemos cousas sobre el, e sobre como cando un xornalista, fotógrafo ou estranxeiro en xeral acode a un lugar en conflito, busca a carnaza. Por suposto pode ter ademais obxectivos moi loables, pero acode desde os seus prexuízos, e tratando de ratificar os mesmos, acode buscando o impactante, e ás veces, buscando practicamente a imaxe dos corpos escangallados. Joe Sacco non é unha excepción e déixanolo claro, e nunha maneira de dignificar as vítimas do conflito, debúxaas sen ese algo caricaturesco que si  atopamos nel. Son esas vítimas que coñecen a situación de primeira man, quen nos falan do que está a acontecer, e quen teñen que respostar a ese Joe Sacco moitas veces desexoso de sensacionalismo.

Non se trata de libros imparciais (a postura de Joe Sacco queda clara mesmo en como elixe debuxar a uns e outros, en como fala deles ou a quen escoita), pero si de libros honestos, onde a subxectividade de Sacco é quen nos explica o que está a acontecer, sen pretender outra cousa (moitas das testemuñas son dificilmente comprobables). Para facer ambos libros, Sacco pasou semanas entre palestinos nun caso, e bosnios no seguinte, e o seu punto de vista indentifícase claramente co deles. Iso non quita que aínda que os seus libros se baseen nunha atenta observación e moita conversación, tamén efectúa un gran traballo documentándose sobre a situación. Son cómics densos, onde ás veces os debuxos teñen que deixar paso ás palabras para contextualizar determinadas situacións. Son cómics densos pero que nunca resultan pesados, porque reproducen historias complexas desde a propia comprensión que vai tendo da situación alguén (máis ou menos) como nós: Joe Sacco.

‘Palestina’, reúne o relato das experiencias vividas por Joe Sacco en Cisxordania e na franxa de Gaza entre 1991 e 1992, a súa convivencia con familias árabes, as conversacións sobre a guerra e a represión israelí e a testemuña das frustracións e humillacións diarias, con flashbacks á momentos explicativos como o comezo da Intifada ou a Guerra do Golfo. ‘Gorazde. Zona segura’, pola súa parte, segue o mesmo esquema de entrevistas, observación persoal e explicación doutros momentos relevantes para narrar a situación de Gorazde na guerra dos Balcáns, un enclave bosnio cercado polos serbios que Joe sacco visitou catro veces entre 1995 e 1996. Trátase, como é esperable,  de dous cómics duros, pero que sen dúbida paga a pena ler.

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *