Como era o mundo antes de que as cámaras de foto o invadiran todo? Sabemos cousas por cadros e pinturas, pero estes non sempre captaban instantáneas, cousas que estaban a suceder onde estaba o debuxante e que este plasmaba en papel. A liberdade que dá o debuxo ás nosas imaxinacións é demasiado grande como para ser ignorada, pero sería absurdo pensar que este tipo de debuxos non existen. Sería como dicir que a escritura dá tanta liberdade que tan só é posible facer ficción. Pode haber xornalismo debuxado? Temos por unha banda o exemplo de Joe Sacco. E, por outra, a dos Urban Sketchers.
Meter a todo o movemento, nacido en 2007 a partir dun grupo de Flickr do xornalista catalán Gabriel Campanario, na saca das aspiracións xornalísticas sería quizais demasiado simplista, pero o seu manifesto (porque si, teñen manifesto) deixa claro que teñen como obxectivo plasmar a realidade como a están vendo os ollos do debuxante no momento. Captar unha instantánea en forma de trazos e, máis alá da visión persoal que cada sketcher poida ter, intentar ser fiel ao que está a pasar. “Os nosos debuxos contan a historia do noso entorno, dos lugares onde vivimos e onde viaxamos”, di o punto 2 do manifesto dos Urban Sketchers. “Ao debuxar documentamos un lugar e un momento determinado”, di o punto 3.
Desde o nacemento do movemento en 2007, que en 2009 se converteu nunha organización sen ánimo de lucro, comezou a súa expansión mundial. Unha pequena busca en Google arroxa resultados de blogs de distintas rexións e cidades: o grupo de Urban Sketchers de Seattle (Campanario vive aí), o de Portland, o de Filipinas, o de España, o de Singapur… Cada blog é actualizado por unha serie de “correspondentes” (xa vos dicimos que o xornalístico está sempre moi presente) seleccionados, aínda que calquera pode participar no movemento subindo os seus debuxos ao Flickr colectivo ou á páxina de Facebook. Trátase de debuxar e compartir.
Ademais, os Urban Sketchers non limitan as súas interaccións entre eles ao mundo virtual: de forma bastante regular organizan xuntanzas para debuxar en grupo, convocatorias mundiais de encontros locais para debuxar nun determinado lugar. Estas xuntanzas chámanse sketchcrawls (como os pubcrawls dos angloparlantes, consistentes en ir de bar en bar ata que un remata arrastrándose polo chan) e buscan, como conta o seu creador Enrico Casarosa, facer maratóns de debuxos, “gravar nonstop todo o que pasaba ao meu arredor con lapis e acuarelas”. Estas maratóns, claro, son máis interesantes e entretidas se se fan en grupo. Calquera pode convocar un sketchcrawl na súa cidade, non ten máis que engadilo ao foro da web de Casarosa.
O resultado de todo isto son momentos nos que atopas a rúa chea de xente debuxando (como cando os estudantes de arte saen á rúa) e recunchos de Internet con debuxos e máis debuxos de lugares e momentos que documentan de forma distinta á fotografía o que estaba a pasar en cada momento. Ás veces eses debuxos chegan aos xornais, ás veces quedan nos blogs. Pero que estes debuxos documentais pasen de ser algo privado (ou só imaxes de xuízos nos que non poden entrar as cámaras) a algo público nos encanta. Igual que nos fascina que exista un movemento mundial con manifesto. Longa vida aos Urban Sketchers!
* E busca en Google, hai bastantes xuntanzas en Galicia!
Debuxos | Guy Moll, Eduardo Baamonde