O búnker de Tito é agora galería moderna (e cool)

SaraievoNa lista habitual de destinos turísticos de Europa non entra, habitualmente, Saraievo, a capital de Bosnia-Herzegovina. A cidade é rapidamente asociada por moitos á pasada guerra dos Balcáns, que nos anos 90 converteu á zona na protagonista dos titulares dos xornais, esquecendo o seu forte pasado cultural e histórico e que antes xusto da guerra era unha das cidades culturamente máis activas da zona. Pero neste artigo non vamos a falar de Saraievo nin da súa memoria histórica (ben, iso si un pouco), senón dunha iniciativa artística montada preto da cidade. O antigo búnker de Tito agora é unha galería artística bastante sorprendente.

Hai dous anos, o búnker foi o escenario da primeira bienal artística de Bosnia-Herzegovina. Os artistas ocuparon as antigas instalacións, que foron construídas entre 1953 e 1979 para acoller á elite de Iugoslavia en caso de que fose preciso e que non foron en realidade empregadas endexamais. Eran as instalacións máis grandes destas características da antiga Iugoslavia e non se coñeceron ata os 90. O búnker sobreviviu ao colapso do país, do sistema socialista e da guerra en Bosnia e hoxe é unha atracción turística, grazas ao seu look de hai unha chea de anos. Aínda segue, iso si, a ser unha instalación militar. Os visitantes poden percorrer as salas de xuntas, os dormitorios previstos para os alí resgardados e a maquinaria que mantén con vida as instalacións. Durante a bienal, os diferentes espazos eran tamén lugares artísticos, con diferentes instalacións de artistas non só do país.

Pero aínda que a bienal remataba aquel mesmo ano, algúns artistas deixaron as súas obras no búnker, onde poden ser aínda visitadas, como descobre Le Monde nun artigo. E que é o que se pode atopar no búnker hoxe en día? Os contidos son variados e ademais das instalacións que toman o pasado como base para a obra artística (hai algunhas que analizan a figura de Tito ou as que fan interpretacións sobre a idea de catástrofe, que era para o que estaba pensado o espazo na súa orixe) tamén hai arte (sen máis). A esas obras sumaranse as novas dunha nova edición da bienal, como apunta Libération. “Escollemos artistas que pensamos que poder responder aos retos específicos deste lugar, que non é unha simple galería e que precisa de paciencia, enxeño e visión“, di ao xornal Branko Franceschi, o comisario da nova edición da bienal.

Cando a nova edición da bienal remate, estas obras tamén quedarán porque a intención dos organizadores é a de facer do búnker de Tito un museo de arte contemporánea. Posiblemente será o museo de arte contemporánea máis sorprendente do mundo.

Foto | Tera

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *