Saraievo coma destino turístico

Saraievo

Estamos a mediados de abril e, se es previsor coma min, probablemente xa esteas comezando a pensar en posibles destinos para as túas vacacións. Probablemente tamén, Saraievo non estea entre as primeiras dez opcións. Non é Roma, non é Berlín, non é París.

Saraievo é a capital, máis ben pequeniña (ten o tamaño de Vigo) de Bosnia, e está completamente rodeada de montañas (o que facilitou moito o seu sitio). Dicir o seu nome é pensar inmediatamente, no conflito dos Balcáns. Non vou dicir que non estea presente, nin sequera podo dicir que para os seus habitantes estea superado, pero si que Saraievo é a súa traxedia, pero tamén moito máis. Aquí van 5 razóns de peso para inclinarte por Saraievo este verán.

1. Cidade única. Sen ser unha cidade bonita no sentido clásico do termo, resulta fascinante pola súa unicidade. Por ser o resultado de diversas mesturas que lle deron o seu carácter: ten unha zona otomana de canellas irregulares, tendas bazarescas e restaurantes onde comer cevapi, unha zona austrohúngara de edificios rococós e cafés chic e unha última comunista de edificios fieis ao espírito feísta. Ata hai un par de anos gabábanse de ser a única capital europea sen ningún McDonalds, aínda que supoño que é unha boa sinal que xa montasen un.

2. Multiculturalidade. Saraievo foi durante moitos anos un exemplo de que era posible o entendemento entre culturas e relixións (aínda que non fose exactamente así). No centro da cidade, en menos de 400 metros cadrados, pódese visitar unha mesquita, unha igrexa católica, unha igrexa ortodoxa e unha sinagoga (que xa non funciona como tal). Non hai monotonía nin uniformidade, a vista abrangue edificios de todo tipo, o oído sobrecóllese coas chamadas á oración e o nariz goza de aromas variados a comida.

3. Lugar histórico. En Saraievo está moi presente a súa historia, a próxima ou a remota. As guerras nos Balcáns non son cousa do presente e investigar a historia da cidade é  meterse nun abismo sen fondo. Podes acudir aos museos da cidade (da última guerra, da morte de Francisco Jose e orixe da I Guerra Mundial, ao túnel que conectaba a Saraievo sitiada co aeroporto en mans das Nacións Unidas…) ou aos edificios, mesquitas suntuosas, bibliotecas reconstruídas, 22 pontes sobre o río -un construído por Eiffel- e mesmo restos romanos.

4. A guerra dos Balcáns. Se un viaxa, en parte, para aprender, Saraievo é o destino perfecto. Agora que se cumpren 20 anos da guerra,  pero sobre todo, agora que nos sentimos tan a salvo, quizais sexa o momento de reflexionar. Porque o que máis chama a atención en Saraievo é o feito de que fales con quen fales repita convencido “é que parecía inconcebible que aquí puidese ocorrer unha guerra”.

A cidade está totalmente reconstruída, pero aínda así é difícil non decatarse das marcas das balas nos edificios, ou da proliferación de tumbas (como non podían saír da cidade, tiñan que enterrar os seus mortos nos parques públicos, nun pequeno xardín entre dúas rúas, en todos os recunchos onde houbese un oco).

5. A xente. Sen dúbida, o mellor de Saraievo son os seus habitantes. Ben é certo, a maioría da xente maior non fala inglés nin francés e limítase a sorrir, a mostrarche unhas fotos ou a mobilizar a toda a parroquia en busca de alguén que che poida explicar que autobús tes que coller.  Pero chama a atención a súa amabilidade e a súa vitalidade. Para ser un país no que a maioría da xente de mediana idade aínda bota en falta a alguén, onde o paro é aínda maior que en España e onde contan cun goberno no que se rulan por meses dirixentes de tres partidos diferentes, as rúas están cheas de xente, os parques cheos de cativos e gózase (alomenos en verán) dun apracible e festivo ambiente mediterráneo.

Bonus track: paga a pena achegarse ata a oficina de información turística para coller algúns folletos en español. Están traducidos automaticamente e dan para momentos totalmente hilarantes do tipo “Fagan todo o que fan os cidadáns e a xuventude de Saraievo, que non favorece a mediocridade nin a maldade das masas”.

Foto | Tera

 

Shares

    2 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *