Churruca énchese de Gløria

Gloria Churruca

Desde hai apenas uns días, a noite de Churruca conta cun novo habitante deses con facilidade para crear xogos de palabras parvos. Onde antes había un monstro (dun só ollo), agora hai simplemente gloria. Ou, falando con propiedade, Gløria, a nova proposta que busca volver a facer da esquina entre as rúas Cervantes e Rogelio Abalde un dos lugares sociais da noite viguesa por excelencia. E a xulgar polo que se puido ver a pasada fin de semana durante a súa inauguración, parece que xente non lles vai faltar.

Sempre que alguén monta algún tipo de negocio novo cos tempos que corren a primeira dúbida que aparece é precisamente esa, a de como xurdiu tan arriscada idea. Desde Gløria cóntannos que ás veces xorde unha oportunidade e non se pode deixar pasar. “Ter un local en Vigo é unha idea que sempre nos roldou a cabeza. Aínda que é unha época difícil, apareceu o local e a oportunidade de xuntar nun equipo ás persoas que podían materializar o proxecto como tiñamos imaxinado”. E tras unha preparación do local “lenta e laboriosa”, “manual e artesán”, Gløria abriu as súas portas o pasado sábado.

Unha das primeiras cousas que chama a atención do local é precisamente o coidado e orixinal (e o eclecticismo!) da súa decoración. Elementos de la, paus de madeira pintados, decoración con cordas, e ata o somier clásico da paisaxe galega. Desde Gløria explican que en xeral son “ideas que desde algún tempo quixemos facer para decorar as nosas propias vidas, casas e espazos comúns, baseadas na reciclaxe e nos conceptos DIY e handmade“.

E moitas veces as ideas xorden do día a día e da casualidade. O dos paus, por exemplo, é o resultado de “dous tipos de paseo: por internet e polas praias da costa guardesa”. A filosofía está clara: a unión de distintos estilos e gustos e o de “menos é máis”, a busca de ideas “sinxelas” que impactan sen necesidade de ter que gastar moitos cartos.

Gloria Churruca

Que máis é e vai ser Gløria, máis alá da súa singular decoración? Ese eclecticismo escollido para as paredes reflicte un pouco o que vai a ser o espírito do bar. “A nosa idea é divertirnos e divertir a través dun amplo abanico de propostas musicais, sempre baseadas na calidade e no eclecticismo”, explican desde Gløria, asegurando que poden ir “desde o folk ata a electrónica de baile”. Haberá directos en pequeno formato e sesións nas que se apostará “polo baile e o canalleo, desde os temazos ata aos lives de dj’s con músicos”.

Unha das novidades que introducirá Gløria na noite de Churruca será a das “Jams” que terán lugar todos os xoves (empezando hoxe!): ao máis puro estilo jam session, a partir das 11 da noite “todo aquel que queira pode subirse ao escenario e unirse con outros músicos, conducidos por Frans Banfield (programador do bar) nun directo de sons improvisados”.

E si, en plena crise dá sempre un pouco de vertixe o de lanzarse ao mundo do emprendimento, pero ás veces non queda outra saída. “Nos tempos que corren, todos estamos especializados nos saltos ao baleiro, sen rede nin parapetos”, aseguran desde Gløria. “O medo sempre está aí, pero non sempre nos inflúe”. E se o fai? A solución é sinxela: “trataremos de disimular o mellor posible!”. Ademais, en Gløria contan coa protección da pantasma do monstro dun só ollo, que se pasea polo local “botándose uns alcohois e bailando con Bill Murray e os seus cazapantasmas… invitados estrela de Gløria todas as noites”.

O xogo de palabras é fácil, pero non por iso imos a deixar de facelo: esperamos que lles vaia de Gløria.

Fotos | Daniel Garzee e Tamara de la Fuente

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *